O capitalismo é o virus

A actual pandemia que atravesan as nacións do mundo pon ao descuberto, máis unha vez, o funcionamento e as prioridades do imperialismo e do sistema capitalista.

A finais do ano pasado a China anuncia a detección dos primeiros casos de COVID-19, dando inicio á escalada que deu na declaración de pandemia global por parte da Organización Mundial da Saúde e na aplicación de severas medidas de contención epidemiolóxica na maior parte dos países do mundo.

A reacción dos gobernos foi dispar, xa que se presentaba a nivel xeral unha dicotomía. Protexer a poboación, o conxunto das masas traballadoras, ou ben priorizar a economía, os lucros do grande capital. En torno a esta escolla situamos diferentes liñas de acción.

No primeiro grupo temos países como a China, o Vietnam, Cuba ou a Venezuela. Son países que non dubidaron en paralizar axiña a actividade laboral e empresarial, adoptando medidas de isolamento precoces e orientando o sistema produtivo ao obxectivo de garantir mecanismos de protección e máscaras para a poboación. A China isolou de forma rápida e drástica a provincia de Hubei, mobilizando milleiros de traballadores sanitarios cara a esa provincia a fin de conter o surto, lográndoo de forma inusitadamente rápida a pesar de grandes perdas humanas. Fíxoo asumindo un enorme custo económico. Tamén o Vietnam tomou medidas precoces de isolamento e reparto de máscaras, sendo un país no que aínda non se produciu un só deceso por COVID-19, mesmo facendo fronteira coa China. Cuba, Venezuela e os países anteriormente mencionados implicáronse a nivel global na loita coa pandemia mediante o envío de persoal sanitario ou material de protección.

Na outra banda temos os países da cadea imperialista que, coas súas particularidades, optaron por primar os lucros patronais, aplicando medidas fanadas por ese interese. En países europeos como Italia ou España demorouse a paralización de actividades non esenciais, que na España se retomaron prematuramente, insistindo de maneira fundamental  en medidas de control social e de movementos. Ignorouse deste xeito o caldo de cultivo que son as concentracións de traballadores nos seus centros ou nos transportes para o contaxio da doenza. Milleiros foron despedidos ou enviados á suspensión temporal de emprego. Descargáronse así os custos da contención sobre a clase traballadora, a fin de garantir na medida do posíbel os gaños do capital. Estes países víronse faltos de máscaras e medidas de protección, produto da deslocalización da actividade produtiva e dos cortes económicos nos sistemas sanitarios nas décadas previas. Nalgúns casos, como o Reino Unido, o Brasil ou os EUA, as máis importantes autoridades defendían a libre difusión da doenza baixo a retórica da inmunización da poboación, para a todo custo manter a actividade produtiva funcionante e pronta para seguir bombeando rendas aos capitalistas.

Mais temos que ter claro que o capitalismo non se converteu en perigoso da noite para o día, coa crise sanitaria do COVID-19, senón que toda a súa historia está fundamentada sobre a loita dunhas elites que detentan o poder político e a propiedade dos medios de producción contra a maioría. Unha loita por se apropiaren da riqueza xerada pola clase traballadora e os recursos dos pobos. En definitivo: unha loita de clases onde, desde hai anos, gaña o capitalismo. O neoliberalismo leva décadas a liquidar e saquear os sistemas sociais e de saúde en todos os países, a manter a rapina de recursos e guerras imperialistas en Latinoamérica, no Oriente medio, Asia ou África, sempre a costa da vida das masas populares de enormes areas de todo o planeta. As súas accións imperialistas, máis ou menos violentas, impoñen a miseria e explotación sen opción de vida digna. A pandemia de COVID-19 só fai máis evidente, en particular agora nas sociedades occidentais, a inutilidade do capitalismo para defender o pobo porque nos seus obxectivos non está o ben social da maioría, senón a apropiación de recursos e lucro por unha minoría.

A diferenza chave entre os países que poderán enfrentar mellor esta crise e os que a enfrentan peor é, por tanto, a capacidade que a planificación económica e a vocación socialista dá aos primeiros para organizaren unha resposta rápida, non exenta de sacrificios, e unha reorientación do sistema produtivo para enfrentar unha grande ameaza para a poboación. Non é casual, neste escenario, a agresión e manipulación informativa permanente sobre os países no camiño do socialismo e aqueles que defenden a soberanía dos pobos como modelo de relacións no mundo. Esta crise mostra isto de maneira máis evidente que nunca. E é por iso que afirmamos, metaforicamente, mais con pleno convencemento, que o verdadeiro virus é o capitalismo.

Superémolo!

Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista