O internacionalismo galego diante da Operación Jaro

No internacionalismo galego, representado por Mar de Lumes, levamos anos a denunciar as vulneracións de dereitos fundamentais por todo o mundo, contra quen se coloca fronte aos intereses do capital. Prestar atención e denunciar os responsábeis da represión, as inxerencias e as guerras imperialistas fai parte do noso traballo, sempre dunha perspectiva galega e do soberanismo, movemento político no que nos inserimos. Non adoitamos, polo tanto, centrar a nosa denuncia nas múltiples loitas cotiás que se desenvolven no noso país, onde hai organizacións que teñen o seu propio papel e nas que individualmente tamén participamos.

No estado español, o rexime do 78 leva desde a súa instauración — como continuador da obra política do franquismo, adaptada aos tempos — a manter a marca de auga da represión, a criminalización e o control da disidencia como ferramenta necesaria para a súa propia sobrevivencia. Na actualidade son evidentes os síntomas de desgaste e esgotamento causado fundamentalmente pola acción política nas nacións sen estado, o que provoca unha resposta aínda máis agresiva.

Exemplos como os de Tamara Carrasco e os Comités de Defensa da República, Arnaldo Otegi, os mozos de Altsasu, os presos e presas políticas e exiliadas do proceso catalán, Daniel Gallardo, Kalera, La Insurgencia, Quim Torra, Valtònic ou Pablo Hassel, por citar só algúns dos casos que temos denunciado nos últimos tempos, son boa mostra. En todos eles, a xudicatura española e os corpos policiais tiveron un papel fundamental distorcendo a realidade con fins políticos.

Na Galiza tamén padecemos a incómoda realidade do acoso e a persecución de calquera iniciativa a contracorrente, do político ao estudantil, do veciñal ao sindical. Unha represión que con maior ou menor intensidade chegamos a normalizar como parte da militancia contra o rexime.

Mais o que agora enfrentamos coa Operación Jaro e a causa contra 12 militantes independentistas é un novo desafío como país. A fiscalía española pide de 4 a 12 anos cadea, 348.000 euros e unha inhabilitación que supón a morte civil, política e laboral das persoas procesadas, ademais de disolver entidades como Causa Galiza ou Ceivar. Todo isto será xulgado pola Audiencia Nacional a partir do próximo 19 de outubro. Diante da gravidade desta situación, que na realidade apunta ao conxunto do soberanismo galego, decidimos sumarnos á denuncia e solicitar apoio e solidariedade internacionalista para o noso país.

Como noutros casos que temos denunciado noutras nacións do estado, caso do recente xuízo contra Tamara Carrasco, que resultou absolta, o verdadeiro obxectivo é político e consiste en amedrentar e criminalizar para conseguir un efecto exemplarizante. Non o permitamos.

De Mar de Lumes chamamos tamén a participar das iniciativas solidarias coas compañeiras encausadas, nomeadamente na manifestación que terá lugar este domingo 18 en Compostela. Paremos a criminalización do independentismo no noso país!

Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista