O conflito entre o pobo saharauí e Marrocos é unha desas guerras africanas enquistadas que só poden ser completamente explicadas e entendidas á luz do imperialismo e do colonialismo europeo. Máis concretamente do colonialismo español. O enfrentamento, en si mesmo, foi creado polo propio Estado Español, por se ter negado a unha descolonización efectiva, pactada e progresiva, e por ter abandonado o territorio da vella colonia para permitir que o reino de Marrocos o ocupase pola forza. Documentos da CIA desclasificados no inicio de 2020 demostran o que xa se sabía: que todo isto se produciu en virtude dun acordo español cos Estados Unidos para apoiar e soster a monarquía de Juan Carlos I e tutelar a transición española e o Réxime do 78.
O Estado español, que optou por esa saída sen sequera comunicala formalmente, argumentando, cinicamente, a enorme presión da «Marcha Verde» marroquina, continúa, con todo, a ser o administrador oficial do Sahara Ocidental, en virtude das sucesivas resolucións da ONU. Sen embargo, os diferentes gobernos españois levan desde 1976 de costas voltadas ao asunto, con silencios calculados que negan calquera envolvemento na cuestión e priorizan desacomplexadamante os intereses e negocios da súas elites económicas coa monarquía de Rabat.
A negativa do pobo saharauí a unha nova ocupación, xa marroquina, desembocaría nunha longa guerra intermitente que debería ter terminado en 1991, coa asinatura duns acordos de cesar fogo que incluían como punto central a promesa de celebrar un referendo de autodeterminación na antiga colonia ocupada. Desde aqueles acordos transcorreron xa tres décadas sen que Marrocos, nin o Estado español, nin a ONU por medio da súa misión de paz (MINURSO) teñan falado novamente do referendo, e sen que Marrocos se teña retirado das zonas controladas pola forza. Tres décadas en que a poboación sahariana sofreu as ameazas permanentes do exército ocupante, ataques arbitrarios, roubo de terras, despexos e desprazamentos en masa e se viu obrigada ao exilio ou a morar en campos de refuxiados onde a situación é cada vez máis insustentábel. Hoxe sábese que os acordos parten tamén dun plan trazado entre Estados Unidos, Franza, o Estado Español e Arabia Saudita para evitar a derrota militar de Marrocos.
Para o imperialismo, sempre estiveron en xogo os recursos mineiros e enerxéticos saharauís, que inclúen fosfatos, ferro, petróleo e gas; os recursos pesqueiros; e, sobre todo, a importancia xeoestratéxica deste territorio para o control da África occidental e do norte, chave para a OTAN.
Nos últimos anos, o rápido deterioro da situación e a negativa do pobo saharauí a entregar o seu país levaron a diferentes enfrontamentos máis ou menos curtos en que Marrocos foi incapaz de imporse definitivamente á República Árabe Saharaui Democrática. Sen embargo, o tempo xoga a favor do ocupante, que leva anos a traballar e comprar o apoio de varios países da Unión Africana, á que decidiu reincorporarse en 2007 despois de abandonala en 1974 pola decisión da propia UA de admitir a RASD como membro.
Agora, a situación no Sahara occidental parece, novamente, a piques de sair dos trillos, despois de Marrocos ter violado abertamente o cesar fogo de 1991, ao enviar tropas á estratéxica fenda de o Guerguerat — que o pobo saharauí denuncia desde hai anos e frente á que se veñen manifestando reiteradamente desde 21 de outubro. Segundo as informacións que constan, a acción militar ordenada por Rabat incluíu o ataque á poboación civil sahariana establecida desde hai días nesa estreita faixa.
O paso do Guerguerat é unha fenda ilegal na fronteira sul entre Mauritania e os territorios saharauís ocupados. Por ela, pasan cada día decenas de camións que serven para as exportacións e importacións de Marrocos, que se beneficia directamente dun lugar polo que non debería transitar máis que a forza de paz da ONU. Para Rabat, trátase dunha saída fundamental para o seu comercio cos diversos países da África occidental e dunha sólida base para apuntalar a súa ocupación da zona. Para o pobo saharauí e para a Fronte Polisario, dunha violación reiterada dos acordos de 1991, e da ameaza de que o control marroquino se perpetúe. O ataque nesa zona non se produce por acaso en vésperas dun contacto programado coa Secretaría Xeral da ONU.
Por ese motivo, a RASD vén de declarar o estado de guerra e mobilizar as súas forzas armadas, insistindo en que se trata da única resposta posíbel á ruptura da tregua asinada en 1991.
A evolución do conflito nos vindeiros días será decisiva, pero desde a Galiza non podemos ficar de brazos cruzados, nin a ollar só para o Guerguerat, separando este episodio concreto dun conflito moito maior e no que o Estado español ten xogado, máis unha vez, un papel infame sempre contra o dereito internacional e a soberanía nacional do Sahara.
De Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, proclamamos a nosa solidariedade co pobo saharauí, coa Fronte Polisario e coa República Árabe Saharauí Democratica e instamos a presionar o goberno español para que asuma a súa responsabilidade denuciando a agresión de Marrocos contra un territorio do que segue a ser administrador e para que proceda, en virtude do dereito internacional, a completar o proceso de descolonización que remate na declaración de independencia do Sahara con todas as garantías.