De Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, asinamos esta carta aberta a Alberto Fernández xunto con ducias de organizacións internacionais, e fixemos entrega da mesma, coas compañeiras de Ceivar, no consulado da Arxentina en Vigo.
Carta aberta ao presidente Alberto Fernández: Non se pode facer «negocios» cun Estado infanticida
Os/as abaixo asinantes, organizacións sociais, intelectuais, académicos/as, militantes, activistas, defensores/as dos DDHH, feministas, profesionais, membros da sociedade civil e organizacións políticas solicitamos ao goberno arxentino presidido por Alberto Fernández a non realización de negociacións comerciais co Estado paraguaio mentres non se proceda co esclarecemento do crime perpetrado polas Forzas de Tarefa Conxunta (FTC) das nenas arxentinas María Carmen e Lilian Mariana Villalba, de tan só 11 anos de idade, en Yby Yaú, Concepción, Paraguai, o pasado 2 de setembro de 2020, e apareza con vida xa Carmen Elizabeth Oviedo Villalba, de 14 anos de idade, desaparecida desde 30 de novembro.
No mesmo sentido, requírese o cesamento inmediato da persecución á familia Villalba, que ten neste momento a Laura Villalba, nai dunha das nenas masacradas, detida ilegalmente no cárcere militar de Viñas Cué. Tanto Carmen Elizabeth como Laura son testemuñas da captura das nenas en Yby Yaú o 2 de setembro. Por tanto, o apresamento dunha e a desaparición da outra están intimamente relacionados coa vontade do Estado terrorista de Paraguai de borrar as probas e disciplinar con saña a familia fronte a un feito que é de coñecemento internacional.
Laura, María Carmen, Lilian Mariana e Carmen Elizabeth atopábanse residindo na localidade misioneira de Porto Rico (Arxentina) e estaban en Paraguai en situación de confinadas pola pandemia da COVID 19. O Estado paraguaio tiña a obriga de as protexer e de as regresar sas. Pola contra, as forzas represivas dese país violentaron as súas vidas, celebrando o operativo en termos de exitoso polo mesmo presidente da nación, Mario Abdo Benítez.
Os corpos das nenas non foron sometidos a autopsia e foron rapidamente soterrados, divulgándose desde as fontes oficiais información falsa sobre a idade e as condicións en que se atopaban as nenas no momento de seren asasinadas. As supostas roupas que levaban as nenas foron incineradas como operativo preventivo da COVID 19, feito que carece de sustento e de sentido. A segunda autopsia que se realizou, por presión da sociedade civil, determinou a idade das nenas e sumou máis confusión á forma en que foron executadas, polo que entendemos que continúa a ser necesaria unha investigación imparcial que determine o acontecido e que permita avanzar nun proceso de reparación e xustiza.
Aínda que o goberno paraguaio supostamente respondeu de maneira afirmativa ao pedido de investigación realizado polo Estado arxentino, nada fixo nesa dirección e pola contra retiroulle o seu apoio á ONU fronte ao seu pronunciamiento por este caso, perseguiu os manifestantes que reclaman xustiza, criminalizou as crianzas, adolescentes e as comunidades indíxenas da rexión, responsabilizou a familia das vítimas como tamén os/as parentes, que sofren unha tenaz persecución, fomentou hipóteses desatinadas sobre a Arxentina como lugar de «gardaría de guerrilleiros», quixo prohibir a difusión de información sobre as nenas asasinadas pretendendo con iso ocultar o feito de seren crianzas e levar o caso ao esquecemento, e continuou coa súa política de militarización da rexión do norte do país. Por se todo isto fose pouco, observamos tamén unha intención — reforzada polos medios hexemónicos de comunicación e as redes sociais — de negar a nacionalidade arxentina das nenas María Carmen e Lilian Mariana, para apagar a incidencia ao Estado arxentino, o cal nos preocupa dobremente: primeiro, porque se pretende desposuírnos da ferramenta do dereito internacional; segundo, porque desa maneira o Estado paraguaio demostra que se arroga a facultade de asasinar crianzas se así o desexar.
O Estado paraguaio ten un historial de atropelos que se fan constar con 6 sentenzas da CIDH, das que só cumpriu parcialmente cunha delas, polo que falamos dun violador en serie dos dereitos humanos. Baixo ningún punto de vista podemos confiarlle o esclarecemento do masacre das nosas nenas a quen as asasinou. Tal é a impunidade que por este atropelo non hai ningunha persoa imputada, investigada ou detida, como si sucede coas persoas que participaron dos protestos nas que se reclamaron xustiza polas nenas, para as que hai citacións, detencións e pedidos de captura internacional. Estes feitos recentes contrastados dan conta non só dun asañamento desproporcionado, como tamén da dirección que asume o poder xudicial paraguaio.
Se o Estado arxentino está comprometido coa defensa dos dereitos humanos, de ningún modo pode facer caso omiso a tal atropelo, que arremete con forza sobre o corpo das nenas, as mulleres e as/os loitadores sociais. É por iso que mediante esta carta exhortamos ao goberno arxentino a que:
- Esixa ao goberno paraguaio que autorice o ingreso inmediato do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense para a realización da autopsia no marco dunha investigación imparcial que poida garantir xustiza para a nenas María Carmen e Lilian Mariana Villalba.
- Esixa ao goberno paraguaio a aparición con vida de Carmen Elizabeth Oviedo Villalba, de 14 anos de idade, desaparecida desde o 30 de novembro de 2020.
- Esixa ao goberno paraguaio a inmediata liberación de Laura Villalba, que se atopa presa ilegalmente nunha prisión militar, probablemente sometida a torturas.
- Outorgue refuxio político para a familia Villalba que se atopa en Arxentina, constantemente axexada e criminalizada polo goberno paraguaio.
- Estamos convencidos/as que non se pode facer negocios cun Estado infanticida comandado por Mario Abdo Benítez, herdeiro directo da ditadura de Stroessner.
Sen outro particular e á espera dunha resposta favorable, saudamos a vostede atentamente.