Galiza con Cuba contra o bloqueo

O criminal bloqueo que leva mais de seis décadas en pé tratando infrutuosamente de derrubar a Revolución en Cuba atinxe nestes momentos novas cotas de crueldade e sadismo. E isto é así porque, alén de inmobilizar as capacidades comerciais da illa en todos os campos, o bloqueo impídea, de maneira específica, de acceder aos mercados internacionais para se prover de equipamentos e insumos médicos mentres a humanidade atravesa unha das maiores crises sanitarias e sociais de todos os tempos. 

Fronte a esta crise mundial derivada da COVID-19, a maioría de países decidiron concentrarse en si mesmos e entregar todas as esperanzas ás capacidades das multinacionais farmaceuticas para o desenvolvemento de vacinas — xerando así unha xigantesta expectactiva de lucro, enormes débedas públicas cunhas poucas empresas e un escenario de especulación e dependencia que aínda está por ver como se resolve.

No entanto, a resposta de Cuba continúa a ser a mesma de sempre: reafirmar a súa solidariedade co conxunto da humanidade e ofrecer toda a axuda posíbel. Nos inicios da crise, Cuba foi o único país a recibir nas súas augas un cruceiro británico con persoas infectadas que navegaba polo Caribe e que anteriormente fora rexeitado por Bahamas, Barbados e Colombia — onde tiña feito a última escala. 

Alén deste feito puntual, mais revelador, as Brigadas Henry Reeves, que xa estaban activas en ducias de países do terceiro mundo, foron reforzadas con centenares de profesionais en novas misións médicas, con destaque para estados europeos que aceptan de maneira sumisa ou mesmo encoraxan o propio bloqueo sobre a illa. E non só. 

Tamén desde o primeiro momento, os contributos da sanidade cubana na loita contra o virus SARS-CoV2 foron postos ao dispor de todos os países do mundo, sen excepción. Primeiro distribuindo o Interferón Alfa 2b Humano Recombinante, que provou ser un dos máis eficaces antivirais, e despois co enorme esforzo de desenvolver Soberana 02 e Abdala — dúas vacinas que veñen de concluir a última fase de ensaios clínicos antes de poderen ser macizamente administradas. O comportamento humanitario da illa e os seus avanzos en medio a un embargo comercial, económico e financeiro de máis de 60 anos son unha demostración clara e contundente do heroísmo do pobo de Cuba. 

Mais non é de heroísmo do que debemos falar, senón de responsabilidades. As e os internacionalistas sabemos que o bloqueo non é un desastre natural nin unha desgraza sobrevinda e inevitábel. As ordes que impiden a normalidade na illa foron redactadas e asinadas polo goberno dos Estados Unidos, por persoas con nomes e apelidos concretos. Foron e son asumidas polos seus sucesores e ainda reforzadas por novos decretos e leis como a Helms-Burton, sen se importar con que estas contraveñan a lexislación internacional nin co rexeitamento global expresado nas rúas e tamén en todo tipo de institucións internacionais.

Sabemos que o bloqueo — que impide mesmo a compra dos millóns de xiringas necesarias para a inmunización da poboación — procura deliberadamente dobregar a soberanía da illa e provocar fame, enfermidades e desesperación entre a poboación cubana co único obxectivo de asfixiar a Revolución e impor un goberno fantoche que entregue o país ao liberalismo económico, aos abusos do «libre mercado» monopolístico e, en definitiva, á roda de expolio e submetimento do imperialismo. 

E por iso, de Mar de Lumes, como organización internacionalista e antiimperialista galega, defendemos a soberanía dos pobos e levantamos a nosa voz con millares de persoas e organizacións de todo o planeta para exixir, dunha vez para sempre, o fin do bloqueo contra Cuba.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista