Celebrado ciclo de palestras sobre a Palestina con Fayez Badawi (FPLP)

Neste mes de xuño, de Mar de Lumes organizamos un ciclo de palestras sobre a Palestina con Fayez Badawi, o portavoz da Fronte Popular para a Liberación da Palestina (FPLP). Fixémolo na secuencia das mobilizacións contra Israel e a súa política de exterminio e apartheid das semanas anteriores, que foron convocadas en 32 localidades galegas, e como parte do traballo constante que o internacionalismo galego fai en apoio á causa da Palestina.

As palestras celebráronse en oito vilas e cidades do país: Cangas, Vigo, Ferrol, A Estrada, Lalín, Compostela, Monforte e A Coruña, cunha asistencia de máis de 200 persoas.

Ao longo das oito palestras, Fayez Badawi desmontou o relato sionista e do imperialismo que omite deliberadamente que a agredida e ocupada, desde 1948, é a Palestina e que do seu lado está o dereito á resistencia; explicou como o roubo sistemático de terras e a expulsión de familias palestinianas está a incorporar unha nova xeración á loita anti-sionista; denunciou os gobernos que aproban sancións contra Rusia, Venezuela ou Cuba e son incapaces de condenar as agresións nas que participa Israel contra o Iemen, Siria ou Irán ou a ocupación da Palestina; lembrou que Israel é unha base militar do imperialismo e da OTAN en Medio Oriente, desde onde incidir nunha rexión rica en recursos e con grande interese xeoestratéxico; denunciou a colaboración española co Mossad para acosar cidadáns palestinos e lembrou que, tras unha montaxe, Juana Ruiz continua presa sen garantias en Israel encanto o goberno español cala; e pediu apoio ás iniciativas de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) para mostrar o verdadeiro rostro do estado de Israel e cuestionar a sua lexitimidade.

A axenda organizada por Mar de Lumes incluiu tamén encontros políticos co BNG e coa vicepresidenta segunda do Parlamento Galego, Montse Prado, que trasladou a Fayez Badawi “a solidariedade do BNG co pobo palestino, diante da barbarie e o xenocidio que sofre a mans de Israel e ante o silencio cómplice da comunidade internacional, incluído o Estado español”.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista