Unha ollada ao Sahara no aniversario da volta á guerra

Este 17 de novembro celebramos unha nova actividade internacionalista en Compostela cunha palestra baixo o título Sahara no aniversario da volta á guerra

Para a palestra contamos novamente co activista saharauí afincado na Galiza, Salamu Chej, que repasou de maneira xeral a situación do seu país e explicou os acontecementos do último ano da guerra entre a República Árabe Saharauí Democrática e Marrocos. Un ano en que, alén dos enfrentamentos militares abertos, Marrocos continúa a súa política de represión contra activistas saharauís e poboación civil nos Territorios Ocupados, incluindo a agresión e violación de activistas como Sultana Khaya.

Chej puxo enriba da mesa os intereses de Marrocos no control efectivo sobre o Sahara Occidental, lembrando a inxente cantidade de recursos minerais do país e a riqueza do banco pesqueiro sahariano, e tamén o interese de Rabat e da monarquía marroquina na expansión polo Magrebe, e a posibilidade de que iso veña a desencadear un conflito maior con países que apoian a causa sahariana, como Alxeria.

Ademais, lembrou o vergoñento papel que representa o estado español, que continúa a ser formalmente a potencia administradora do Sahara Occidental, mais que xoga á ficción de que a guerra sahariano-marroquina non existe ou que non ten nada a ver consigo. Aínda, como lembrou Salamu Chej, o goberno español vén de entregar o activista saharauí Faysal Bahloul a Marrocos, mesmo sabendo o que iso irá significar para a súa integridade física e os seus dereitos civís.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista