Constituída a Plataforma Galega contra a OTAN

Na tarde de onte, día 26 de xaneiro, foi constituída en Santiago de Compostela a Plataforma Galega contra a OTAN baixo o lema “Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos”. O manifesto inicial pode ser lido en galizacontraaotan.gal

A Plataforma está integrada inicialmente pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega, ERGUER-Estudantes da Galiza, Galiza Nova e Mar de Lumes e fai un chamamento a outras organizacións a colaborar no deseño e desenvolvemento dunha axenda galega anti-OTAN coa ollada posta na próxima cimeira da mesma, que terá lugar en Madrid os días 29 e 30 de xuño deste ano. 

Entre as accións que impulsaremos está a celebración dunha contra-cimeira de caracter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos, así como diversas actividades para difundir o carácter agresivo e expansivo da OTAN e o papel dos países que fan parte dela, entre eles o Estado español, tal como se está a ver na actual crise na Ucraína. 

A Plataforma critica que, mentres os gobernos occidentais chaman cinicamente a establecer parcerías e acordos de cooperación, coa outra man empregan a OTAN para impor unhas relacións internacionais asimétricas e baseadas na ameaza da forza militar. 

Ademais, rexeitamos o uso de infraestruras e equipamentos en territorio galego para dar soporte á OTAN e a cesión do porto de Ferrol como base militar para a mesma, e lembran como os aeroportos de Santiago e Vigo xa foron empregados para escala de voos secretos relacionados coas guerras imperialistas en Afganistán e o Iraque.

A continuación reproducimos o manifesto:

Galiza contra a OTAN

A OTAN é unha ferramenta para a agresión e a bandidaxe en escala planetaria. As organizacións galegas asinantes deste manifesto afirmámolo non como unha simple consigna ou como unha palabra de orde para ser repetida en manifestacións e concentracións populares contra o imperialismo, senón como conclusión dun proceso histórico, demorado e serio, de análise das evidencias. Un proceso acumulativo, realizado polo esforzo de moitos pobos — dos que sofreron e continúan a sofrer as súas agresións directas e dos que nos negamos a baixar a cabeza e fechar os ollos á realidade.

Hai 73 anos que a propoganda imperialista trataba de nos convencer de que o obxectivo da nacente OTAN era «defender occidente» da Unión Soviética e do bloque comunista. Porén, os ataques e agresións que se invocaban nunca se produciron. Hoxe, lonxe de se autodisolver, aquela pretendida forza de autodefesa, responsábel por 70% do gasto militar global e cun orzamento de máis de 2% do PIB mundial, continúa a protagonizar unha das maiores xeiras de violencia da historia da humanidade. A súa continuidade pon acima da mesa os verdadeiros intereses da coalición: 1) a expansión imperialista, que xa non se executa por medio da anexión territorial, senón por medio do control e implantación de gobernos teledirixidos, abertos ao saqueo macizo de recursos e á usurpación de áreas xeoestratéxicas e 2) a consolidación da hexemonía dos Estados Unidos e das potencias imperialistas europeas, singularmente da Inglaterra, da Franza, da Alemaña e do Estado español. Unha hexemonía posta en causa pola emerxencia de novos polos e países capaces de exercer un contrapeso, como a Rusia, a China ou o Irán, e pola digna resistencia do pobos como o cubano, o venezuelano ou o palestino, entre outros.

Os ataques contra a República Federal da Iugoslavia en 1994, contra Serbia en 1999, contra o Afganistán en 2003, contra o Iraque en 2004, e contra a Libia en 2011 son apenas, até o de agora, as súas operacións oficiais. A elas hai que sumar as paraoficiais e as ocultas, recentemente contra a Siria e contra a Ucraína, así como os famosos voos ilegais, algún dos cales fixo escala no noso país. Non é casual que todas estas agresións se teñan dado na órbita da antiga Unión Soviética e na dos países non aliñados. Mais a sombra deste imperialismo armado é moito máis alargada. Alárgaa, de feito, a inmensa rede de bases militares por todo o planeta (as públicas e as secretas), que se solapa, ademais, coas bases dos estados membros e dos parceiros, até totalizar un milleiro de instalacións en 63 países, con alcance global. Mais non é só isto. A OTAN ten despregadas tropas en 165 países, amiúdo baixo o gardachuvas formal das Nacións Unidas, xerando unha confusión que favorece os intereses pouco confesábeis dos seus promotores; e outras veces por medio de acordos que promoven a «otanización» da ASEAN, da Unión Africana, do Xapón ou da India, e novas integracións forzadas que alargan a súa área de control. Como parte deste alargamento, a OTAN protagoniza cada certo tempo exercicios militares en zonas quentes do planeta — do Mediterráneo á Europa oriental ou aos mares asiáticos — que mobilizan milleiros de soldados e son, claramente, unha permanente demostración de forza para continuar coa súa estratexia de ameaza e intimidación.

Na Galiza, a cesión de portos e instalacións aéreas e a posta a disposición do territorio para exercicios militares, adestramentos, escalas ou repostaxes convértenos en cómplices da barbarie imperialista, malia o pobo galego se ter manifestado histórica e repetidamente contra a OTAN e a súa axenda. Esta contradición comproba, máis unha vez, as consecuencias da falta de soberanía nacional e os perigos de que o papel do noso país no mundo sexa decidido e representado polo estado español, cuxas elites aderen plenamente ao proxecto imperialista.

Por todo isto, como Plataforma Galega Contra a OTAN denunciamos: a falacia da «autodefensa» e o rol estritamente imperialista e agresivo da OTAN; o entusiasmo da Unión Europea na sinatura de pactos militares expansionistas; os tratados de libre comercio metidos pola forza entre os acordos militares para beneficio do grande capital transnacional e das elites; o papel subsidiario do Estado español e da Xunta de Galiza e a entrega de equipamentos, instalacións e recursos do noso país para alimentar esta maquinaria bélica. E comprometémonos, polo tanto, a manter unha posición abertamente anti-OTAN pulando pola súa disolución, a exixir a non participación do estado español en calquera plataforma destas características e a espallar, onde tivermos voz, a denuncia do imperialismo e dos seus métodos violentos.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista