Sobre a resposta europea ao conflito na Ucraína e á crise que vén

Cando a Rusia iniciou a súa operación militar na Ucraína, como Mar de Lumes fixemos pública unha declaración que tiña como obxectivo contextualizar a crise no máis longo e abranxente conflito da OTAN contra a Rusia. Un conflito que pasou xa por varias fases desde a criazón da chamada Alianza Atlántica en 1947, a última das cales se vén desenvolvendo desde 1991 coa expansión acelerada da OTAN — unha estrutura militar que serve como brazo armado do bloque imperialista e que responde, principalmente, aos intereses do EUA. No que ten a ver coa Ucraína, o contexto, indispensábel para entender o que verdadeiramente ocorre sobre o terreno e as súas implicacións políticas e económicas, debe contabilizarse, no mínimo, desde o golpe de estado de 2014, que, convén lembrar, foi inmediatamente bendicido — se non directamente instigado — pola Unión Europea e os Estados Unidos. A partir daquel momento, os diferentes gobernos golpistas de Kiev teñen iniciado conversas de integración na OTAN e aberto a porta a converter o país nunha plataforma nuclear ás portas da propia Rusia.

Sen ese necesario contexto, a intervención militar rusa foi feita pasar, de maneira sistemática, por unha invasión ou aínda unha ocupación, en abstracto, contra Europa. Para explicala, era necesario asumir unha Rusia totalitaria, con un presidente entolecido á procura de “restaurar o imperio zarista”, de “resucitar a URSS” ou calquera fórmula similar. 

Con todo, esta campaña mediática, sen precedentes comparábeis en ningún outro conflito anterior, presenta unha progresión do discurso ben marcada e clara. Primeiro, como xa dixemos, negándose a dar calquera marco histórico ou político ao conflito, como se comezase en 2022 e se limitase só á Ucraína. Segundo, presentando a acción rusa como unha campaña unilateral de conquista contra un país inocente e en paz — obviando rasteiramente a guerra de 8 anos no Donbass conducida por un exército e un poder político penetrados pola extrema dereita, a persecución á disidencia política, as ilegalizacións de partidos de esquerda, etc., e ocultando propositadamente o papel xogado polas potencias imperialistas e pola OTAN. Terceiro, mostrando a crise ucraína, invariabelmente, baixo a etiqueta “a guerra de Putin”, como se só houbese un bando a guerrear contra a nada. 

A campaña mediática non só é progresiva, e non só asenta na reprodución da propaganda de guerra do bando occidental, convenientemente disimulado no conxunto do relato. Ademais diso, é propositadamente abafante, tratando de ocupar todos os espazos, impedindo a aparición de discursos contrarios ou sequera alternativos. Os medios que publican informacións diverxentes pasan a ser considerados como voceiros do Kremlin e os e as xornalistas que ofrecen lecturas á marxe da narrativa otanista son obviadas, insultadas ou ameazadas — ou aínda detidas e acusadas de espionaxe, como acontece co xornalista basco-ruso Pablo González. O mesmo acontece con persoas expertas na materia e que tratan de explicar a complexidade desta crise: desaparecen das pantallas das televisións, das ondas de radio e das páxinas dos xornais. No vacío que fica, son repetidas de maneira incesante narrativas simplistas, que apelan ao emotivo e estenden a idea de caos, criando unha verdadeira histeria colectiva que xa levou ao sinalamento e despedimento de persoas nacidas na Rusia (con independencia da súa posición sobre o conflito) e mesmo ao cancelamento de pezas de música, cinema ou literatura rusa de todas as épocas. O obxectivo é, claramente, deshumanizar o inimigo, presentando unha versión caricaturizada e grotesca del que impida calquera simpatía ou calquera dúbida de que debe ser reducido e controlado. Noutro nível, mais nesta mesma dinámica, entrarían tamén as campañas de acoso público contra forzas políticas e sociais que non adiran á totalidade do marco prefixado ou cuxa aposta pola paz e a saída negociada inclúa tamén as potencias imperialistas.

Este novo inimigo exterior é de grande utilidade para o imperialismo e as potencias centrais do eixo EUA-UE. Permite xustificar as accións de guerra económica e cultural contra calquera país que queira situarse por fora da orde mundial unipolar — que é o que verdadeiramente está en xogo—, e, simultaneamente, desviar a atención dos problemas internos e, no caso de saíren á superficie, poder asegurar que a culpa é dese mesmo inimigo.

A insistencia dos grandes medios corporativos neste relato, que mistura de maneira alarmante a mentira e a manipulación, a censura ás intepretacións diferentes e a adhesión a un único relato baseado na propaganda de guerra evidencia, cada vez mais, que o conflito ten pouco a ver coa Ucraína — que xoga aquí o papel de peón sacrificábel. Por outras palabras: a guerra na que nos están a meter as elites europeas e estadounidenses, nos gobernos ou nas grandes empresas, non ten nada a ver co pobo ucraíno, nin co pobo ruso que vive a un e outro lado da fronteira debuxada en 1991, senón coa ameaza que a emerxencia dun mundo multipolar — coa propia Rusia, a China e outros novos axentes globais e rexionais —, representa para os seus propios intereses. É importante sermos conscientes de que, a diferenza do que aconteceu noutros conflitos, neste xa non somos só espectadores na distancia, senón parte directamente implicada. 

Nesta crise concreta, son o pobo ucraíno e ruso (e as minorías que viven na área) os que porán as vítimas mortais, as feridas e as desprazadas, e os que sufrirán a destrución dunha guerra, como dicimos, allea. Mais non serán os únicos. As sancións e a guerra económica lanzada pola UE e os EUA teñen como obxectivo danar a economía rusa e travar o seu desenvolvemento fora do marco da globalización que pivota no Atlántico. Mais estánse a voltar contra a propia UE (a grande danificada no económico), e moito menos contra os Estados Unidos — convenientemente resgardados do outro lado do océano. Os chamados das autoridades europeas a limitarmos o uso da calefacción ou a reducir a compra de produtos derivados do trigo responden a esa realidade que fica opacada pola narrativa da “guerra de Putin”. O mesmo acontece co pedido lanzado polo goberno español e outros ás patronais e aos sindicatos pactistas para chegaren a acordos urxentes de contención salarial, amparándose, en abstracto, nesa mesma “crise” e xusto cando a inflación está a marcar cifras históricas e o empobrecemento atinxe cada vez máis capas da nosa sociedade. Por outras palabras: a empreitada imperialista do eixo UE-EUA atinxe produtos e materias primas das que a UE é altamente dependente, que son difíceis de substituir e para os que non sempre hai provedores alternativos (ou cuxos provedores alternativos son, precisamente, os Estados Unidos, a prezos moi superiores). Fertilizantes, polímeros, terras raras ou componentes de chips de silicio que son esenciais para as economías europeas sofren os embargos decretados pola UE ou cortes nas súas cadeas de distribución que afectan explotacións agrícolas e gandeiras en toda Europa, industrias tecnolóxicas e mesmo alimentares. Iso para non falar do encarecimento dos prezos da enerxía e combustíbeis. E a isto hai que sumar, aínda, as operacións especulativas que están levando a unha suba de prezos de produtos que non se encontran atinxidos polos combates nin polas sancións, pero cuxos mercados tratan de obter un lucro maior en medio da histeria de guerra. 

Con todo, a Unión Europea négase a desenvolver calquera posición autónoma e móstrase hoxe mais dependente do que nunca dos intereses dos Estados Unidos. Mesmo se para iso ten que ignorar por completo os valores que di defender, pasando por alto o flagrante racismo no tratamento ás persoas refuxiadas ou as torturas, as desaparicións e asasinatos a minorías e disidentes políticos. Mesmo se ten que apoiar organizacións abertamente fascistas ou obviar os perigosos laboratorios clandestinos de armas biolóxicas estadounidenses en solo europeo. Mesmo se ten que censurar medios e voces alternativas, impedindo a pluralidade de visións e leituras, ou se ten que enviar armamento de guerra e asesores militares a un escenario incontrolábel, sabendo que todo ese material e coñecementos acabarán en mans deses mesmos grupos nazistas ou de mercenarios de extrema dereita e até xiadistas procedentes doutros países en conflito. A Unión Europea é consciente de todo isto, e está disposta a que sexamos nós, os pobos, quen pague os custos de reforzar unha hexemonía estadounidense en crise, ainda que no medio da súa guerra económica contra a Rusia vaia danar e empobrecer os pobos que voluntaria ou involuntariamente a conforman. O obxectivo inmediato de todas esas medidas non é acabar coa guerra na Ucraína, senón alongala, para dar así cobertura á súa batería de agresións económicas e ter tempo de estender un relato que reanime a orde imperialista en decadencia.

A realidade é que, á marxe da narrativa da OTAN, todos os indicadores apuntan a que un escenario multipolar sería moito mellor e máis estábel para os propios pobos europeos, incluído o pobo galego. E por iso non podemos deixar de sinalar os perigos que o imperialismo nos pon ás portas da casa. A nosa máis urxente ameaza non é unha guerra termonuclear. É o empobrecimento, cuxa verdadeira orixe está na crise profunda do modelo de acumulación capitalista, e que non se vai solucionar eternamente gañando máis unha guerra, sometendo máis un pobo e tomando conta de máis un mercado. No entanto, somos conscientes de que, mentres esteamos dentro do estado español e mentres exista a OTAN, o noso primeiro deber como antiimperialistas galegas é combater as súas políticas aquí.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista