Este 21 de xuño celebrouse na Casa das Máquinas de Compostela a Xornada de debate “Galiza pola Paz” sobre a deriva militarista da UE e a política de guerra que está a impor a OTAN.
A xornada, convocada pola Plataforma Galiza pola Paz. Contra o militarismo, a OTAN e a guerra, da que Mar de Lumes fai parte, comezou coa intervención de abertura por parte do portavoz da plataforma, Rafa Vilar, lembrando o xenocidio palestino e chamando os pobos a se organizaren para rexeitar a militarización promovida pola OTAN e a súa lóxica de agresión contra os pobos. A continuación, sucedéronse os paneis previstos.
Susana Méndez comezou o primeiro deles en nome da Plataforma Galiza pola Paz falando sobre como a Galiza fica encadrada no esquema bélico da OTAN como zona de extracción de recursos para a guerra e lugar de conveniencia para instalacións militares. Continuou sobre o tema o profesor e analista Alberte Branco, que trazou as orixes da OTAN e tratou a importancia estratéxica das instalacións militares no país, da Brilat ao Arsenal de Ferrol pasando pola base EVA-10 do monte Iroite ou o aeródromo de Rozas, onde se desenvolve tecnoloxía de drons aplicada á guerra.
No segundo bloque, baixo o nome de “Crise, guerra e aceleración do imperialismo caótico dos EUA” interviu a profesora Keina Fernández tratando o modo como os EUA impoñen a súa hexemonía por baixo dunha retórica de “orde internacional baseada en regras”, e continuou o profesor Andrés Piqueras falando sobre cómo para axustar o capital mundial á riqueza real e conseguir iniciar un novo ciclo de acumulación que faga os ricos máis ricos e protexa a hexemonía imperialista é fundamental unha grande destrución bélica.
O terceiro panel contou coa participación de Susana Sánchez, activista antimilitarista, e Manuel Caride, obxector de consciencia, tratando a posición da mocidade galega organizada contra o militarismo e explicando a loita pola obxección de consciencia na década de 1990 e até a abolición do servizo militar obrigatorio cuxa recuperación volve estar en debate por parte de medios de comunicación pró-OTAN.
No último bloque, Marta Romero, portavoz da Plataforma Galiza pola Paz, alertou sobre a militarización acelerada que está a impor a Unión Europea na secuencia da guerra na Ucraína e en medio da crise de hexemonía estadounidense, e Pere Brunet, do Centre Delas, explicou en detalle o papel e as mecánicas do complexo industrial-militar dentro da UE e alertou sobre o funcionamiento e os perigos que implica o Fondo de Defensa Europeo.