Co ataque dos Estados Unidos á República Islámica de Irán, e diante do contexto de escalada dunha guerra rexional coa que o imperialismo pretende sementar o caos na Asia Occidental, de Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista chamamos o pobo galego a dar unha resposta a favor da paz e do respeito á soberanía dos pobos.
Esta agresión non se dá no vacío. Foi precedida dunha serie de ataques israelitas que desde hai meses tentan materializar esta escalada militar rexional, da que fan parte o xenocidio palestino en Gaza e as permanentes agresións á Siria até colocar un goberno títere, ao Líbano ou ao Iemen, e tamén todos os ataques, magnicidios, sabotaxes e agresións políticas, diplomáticas e económicas que Irán padece desde hai anos.
Non debemos esquecer que o conflito no chamado Medio Oriente fai parte dos intentos do imperialismo por preservar a súa posición hexemónica nun escenario cambiante debido á emerxencia dos BRICS, principalmente Rusia e China. Unha emerxencia da que o Irán se ten convertido nunha peza fundamental, tanto pola súa localización xeoestratéxica como pola súa política antiimperialista, e polo papel que xoga en defensa da causa palestina e o seu apoio directo á resistencia.
Por outra parte, non deixa de resultar chamativo que a liña de negociacións que os Estados Unidos e Irán viñan mantendo en relación ao programa nuclear iraniano e que as proclamas de retorno de tropas do goberno Trump nas que ninguén acreditaba a serio desaparezan polo sumidoiro menos dunha semana despois de que Israel atacase Irán de maneira unilateral. Mais unha vez, o sionismo, tanto dentro como fóra de Israel, prova ser capaz de marcar a posición das potencias imperialistas.
Estes ataques son máis un cravo no cadaleito desa farsa chamada “orde internacional baseada en regras” que o imperialismo preconizou durante décadas como vía para continuar facendo e desfacendo polo mundo fóra de acordo cos seus únicos intereses, sen que ninguén puidese ensaiar ou construir vías alternativas. Estas agresións, como o xenocidio impune na Palestina, deixan á vista que a orde é, na realidade, ou subordinación ou caos, e que as únicas regras que o imperialismo respeita son a lei do máis forte.
Que nas declaracións inmediatamente posteriores ao ataque Donald Trump dixese que “agora é a hora da paz” e que o sionista Benjamin Netanyahu proclamase a seguir que “a paz só se consegue pola forza” constitúe unha perversión total da palabra “paz”, que pasa a significar que os pobos agredidos polo imperialismo non teñen dereito a se defenderen nen a responderen ás agresións. Non é necesario xulgar previamente a vítima para recoñecer quen é o agresor e quen é o agredido. Tampouco para recoñecer que Irán ten todo o dereito a existir e a se defender.
De Mar de Lumes chamamos o pobo galego, que está xa a dar unha sostida e digna resposta ao xenocidio en curso na Palestina, a exixir tamén neste caso unha Paz real: unha Paz que só pode existir sen agresións imperialistas permanentes, sen xenocidios, sen bloqueos e sen guerra, nun escenario multilateral baseado no dereito escrupuloso á soberanía dos pobos para escolleren os seus propios camiños.
— Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.