Nos días 8 e 9 de setembro, 36 cidades e vilas da Galiza mobilizáronse máis unha vez en apoio á Resistencia palestina, só un día despois de que a desproporcionada resposta policial no Corgo e Monforte contra manifestantes antisionistas ao paso de LaVuelta deixase varias persoas feridas e detidas.
Reprodúcese a continuación o manifesto da convocatoria da Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina:
Compañeiras, compañeiros
Hoxe está a escoitarse o berro solidario en 36 localidades do noso país que non cala porque Israel non se detén diante de crime ningún e porque os gobernos occidentais, os que durante décadas se nos apresentaban como garantes da democracia e da liberdade, como xendarmes dos dereitos humanos, non fan nada para deter o xenocidio palestino en Gaza.
Aquí estamos como levamos estando nos últimos 23 meses. Case dous anos de mobilizaciós solidarias por todo o noso país para que ninguén ouse dicir que non nos doe o sofrimento do noso pobo irmán palestino, ou que xa o damos por descontado.
Nestes case 2 anos, Israel asasinou perto de 70.000 persoas. Arrasou a Faixa de Gaza até os alicerces. Gaza xa era o maior campo de concentración da historia da humanidade, onde padecían o brutal bloqueo máis de 2 millóns de persoas. Agora é un ermo onde o sionismo e o imperialismo se encargaron de facer a vida invivíbel e a terra inhabitábel. Non quedan xa infraestruturas civis, non quedan infraestruturas médicas suficientes, non quedan espazos seguros onde refuxiarse ou onde procurar alimento. E do lado de fora do paso de Rafah, a axuda humanitaria continúa a apodrecer en camións que levan meses alí parados. Todo para que Israel poida usar tamén as súas armas máis atroces: a fame e a desesperación. Chegamos ao punto en que a xestión da axuda humanitaria está nas maos criminais dunha fundación israelita subrogada a mercenarios norteamericanos que se dedican a cazar persoas que van aos puntos de recolla de alimentos.
Xa o dixemos moitas veces: nós, solidarias e solidarios a millares de quilómetros de distancia non podemos impedir que Israel execute día a día o seu plano para ocupar a Palestina. Pero si podemos mobilizarnos e exixir a quen nos goberna que se implique de verdade en deter o sionismo e os seus crimes. A Unión Europea non pode continuar a súa carreira entolecida contra un inimigo inexistente, que implica cantidades indecentes de diñeiro público para gasto militar e comercio de armas e tecnoloxía bélica cos Estados Unidos e Israel, cando o principal inimigo da humanidade, que é precisamente Israel, actúa con total impunidade. O Estado español non pode continuar condenando só con palabras as atrocidades de Israel ou anunciando tardías e tímidas medidas mentres por debaixo da mesa asina contratos indecentes de armamento e mantén relacións normais como se nada estivese a pasar. A Xunta de Galiza non pode continuar a ollar para outra parte como se o que acontece no mundo non nos interesase, e ao mesmo tempo asinar lucrativos acordos coas entidades sionistas. Este é o noso traballo: dirixir a acción da solidariedade contra quen pode producir mudanzas. Facer que sintan a obriga moral e, sobre todo, a presión política para facelo.
Por iso nos mobilizamos. Por iso levamos dous anos de accións ininterrompidas. Porque non tragamos a normalización nin o branqueamento dos xenocidas. E por iso nos preparamos de novo e xuntamos forzas para unha grande manifestación nacional o dia 5 de outubro, cando se cumpran 2 anos de impunidade e de vergoñenta inacción dos gobernos occidentais e da UE. Porque é o noso deber sinalalos en cada momento e en cada lugar. Onte mesmo, en Monforte de Lemos e no Corgo, a policía española dedicouse a perseguir a acción solidaria por Palestina. Alguén decidiu que, en lugar de garantir o dereito á protesta, o dereito á manifestación e á liberdade de expresión, o que había que protexer eran os intereses dunha equipa ciclista cuberta de sangue que vén ao noso país a branquear o sionismo. Exiximos responsabilidades tamén por esa actuación brutal e provocadora contra a solidariedade, e exiximos explicacións polas persoas que foron detidas. Israel e o sionismo non son benvidos na Galiza, ainda que veñan disfrazados de deporte ou cultura. Os seus crimes non poden continuar sen resposta.
E esta é a nosa resposta: a policía non conseguiu impedir a mobilización e que a solidariedade retratase o intento de Israel de lavar a súa imaxe. E non impedirá que haxa novas mobilizacións na próxima etapa no sur do país contra La Vuelta. A falta de accións dos gobernos, a solidariedade popular continuaremos a mobilización popular e solidaria. Até o fin do xenocidio. Até que Palestina poida exercer efectivamente o seu dereito de autodeterminación e poida vivir en paz, no seu propio estado libre e independente, do río ao mar, da auga á auga.
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!