Nas xornadas do 7 ao 10 de setembro a solidariedade internacionalista galega fíxose notar de novo nas etapas de LaVuelta, a proba ciclista usada polo estado español para afirmar a “españolidade” do noso país e que, desde hai dous anos, en pleno xenocidio palestino, inclúe unha equipa israelita.
A participación neste tipo de competicións internacionais, como acontece noutros deportes como o baloncesto ou o fútbol e noutros ámbitos como Eurovisión ten unha importancia fundamental para o estado de Israel, porque permite normalizar a súa presenza e lle ofrece un lugar onde se presentar como “máis un país” á marxe dos seus crimes contra a humanidade.
Por este motivo, as tradicionais protestas contra LaVuelta gañaron este ano un novo motivo de crítica cando desde diferentes colectivos e desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina se fixeron chamados a boicotar LaVuelta e, en particular, a participación da equipa sionista Israel PremierTech: centos de persoas saíron ás rúas ao paso das etapas para denunciar o uso do ciclismo e do deporte en xeral para branquear a imaxe pública dos xenocidas.
A arbitrariedade e a brutalidade da actuación policial na primeira etapa de LaVuelta en Galiza, con malleiras a manifestantes e a detención de varias activistas no Corgo e en Monforte só serviu para reforzar a resposta solidaria popular nas etapas seguintes, conseguindo interromper a carreira no alto de San Cosme (Mos) o día 9 malia a desproporción das forzas policiais, e mantendo forte presenza antisionista en localidades como Pontevedra, O Barco e Ponferrada. Estas accións de boicote sumáronse así á resposta dada desde outros pobos do estado español en días previos e seguintes.
A continuación reprodúcese o comunicado da Coordenadora Galega de Solidaderiedade coa Palestina do día 7, tras as detencións no Corgo e Monforte.
Vitoria da solidariedade galega: Israel sinalado na volta ciclista. Basta de complicidade!
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina declaramos o noso orgullo pola resposta da solidariedade galega: a pesar da represión e dos intentos de criminalizar as protestas, non se conseguiu frear o obxectivo destas accións, que é visibilizar nas rúas — como se ven facendo de xeito continuo desde hai case dous anos — a denuncia da ocupación e dos crimes de Israel en Palestina, así como do xenocidio en Gaza.
Condenamos a brutal e provocadora acción policial despregada ante as lexítimas protestas contra a participación da equipa Israel PremierTech na volta cicilista. O intento de reprimir as mostras de solidariedade galega coa Palestina semella máis interesado en protexer Israel e os seus intereses ca en garantir o dereito á protesta e á liberdade de expresión.
Esiximos a posta en liberdade das persoas detidas e explicacións públicas por estas medidas de represión.
Unha vez máis, chamamos a sociedade galega a participar nas concentracións dos vindeiros días a camiño dunha grande manifestación nacional o 5 de outubro en solidaridade coa Palestina e en denuncia da complicidade das nosas institucións coa entidade xenocida. A solidariedade continúa: non nos van parar e non nos van calar!
Non ao lavado de cara do xenocidio.
Non no noso nome!