Mobilización contra a presenza de Ehud Olmert na Galiza

04/10/2025

Este 4 de outubro, a chamado da Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, un millar de persoas mobilizámonos en Ogrobe contra a provocación que supón a presenza na Galiza do ex-primeiro ministro sionista Ehud Olmert, convidado polo galegófobo “Foro La Toja” para lavar a imaxe pública do estado de Israel.

A mobilización, que percorreu as rúas da vila baixo un forte despregamento policial chegou ás portas do hotel onde se nos últimos anos se vén celebrando este encontro da dereita española e os seus socios internacionais, e que este ano, en medio da barbarie sionista e a só uns días de que se cumpran dous anos de xenocidio na Palestina, decidiu convidar Ehud Olmert para debater sobre a mal chamada proposta de paz lanzada polo presidente estadounidense Donald Trump.

A continuación reproducimos o manifesto lido nesta convocatoria diante do Hotel A Toxa:

Manifesto da Toxa

Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina

Compañeiras, compañeiros:

Hoxe, este encontro galegófobo e reaccionario que cada ano se repite na Illa da Toxa insultando todas e todos os galegos decidiu ampliar a provocación e convidar a falar, no medio dun xenocidio televisado, o ex-primeiro ministro sionista Ehud Olmert. Un xenocidio que leva xa máis de 67mil vítimas confirmadas e un nível de destrucción de infraestuturas para a vida sen precedentes nun territorio pechado ao exterior e completamente sitiado polo exército de Israel. 

Ehud Olmert vén precedido dunha imaxe de “home de paz” a base de criticar de maneira oportunista a dureza dos ataques sobre a Faixa de Gaza. Mais non debemos deixarnos enganar. As súas críticas limítanse a lamentar o deterioro da imaxe pública de Israel e a asegurar que Netanyahu está a provocar un grave dano á reputación do sionismo. 

Olmert, que sucedeu o sinistro Ariel Sharon e precedeu o actual carniceiro Benjamin Netanyahu, recúsase a chamar xenocidio ao xenocidio e vítimas ás verdadeiras vítimas, e non foi menos sanguinario que os líderes sionistas que o arrodean. Foi baixo o mandado de Olmert que o estado de Israel levou a cabo a operación Chumbo Fundido que consistiu, entre outras cousas, no bombardeo ininterrompido de Gaza durante 22 días e 22 noites, usando mesmo fósforo branco de maneira consistente. Olmert non é un “home de paz”, nen un moderado. É simplemente máis un colono europeo que se cre no dereito de roubar terras, arrasar casas, aniquilar familias enteiras e tornar a Palestina invivíbel en base a unha ideoloxía de supremacismo e racismo que non recúa diante de crime nengún, mais que teme a exposición pública. O que Olmert teme é que o xenocidio deixe en evidencia a mentira de Israel ser “a única democracia” na rexión e que poña de manifesto o que significa na realidade a ocupación: décadas de colonatos ilegais, décadas de apartheid, décadas de matanzas indiscriminadas e décadas de servizo aos intereses do imperialismo e a desaparición do pobo palestino. O que Olmert propón é apagar calquera rastro do pobo palestino, pero facéndoo á calada, sen provocar a reacción dos pobos do mundo que hoxe cuestionan, como aconteceu coa Sudáfrica do apartheid, a propia viabilidade do estado de Israel.

Por iso estamos aquí. Por iso nos concentramos hoxe nesta illa: porque non podemos aguantar máis o cinismo de quen trata de normalizar o estado terrorista de Israel e a matanza sistemática do noso pobo irmán palestino. Porque non queremos sionistas nas vilas do noso país. Porque Ehud Olmert, como Israel PremierTech e como o resto de produtos culturais, deportivos e sociais israelitas son antes sionismo que cultura, deporte e valores sociais. E porque nós, solidarios e solidarias, entre a barbarie do sionismo e do imperialismo e a humanidade dos pobos que resisten e loitan pola súa vida e pola súa soberanía, colocámonos sempre do lado da vida. O noso país leva dous anos mobilizado en todas as súas comarcas en apoio á Palestina, e o pobo galego leva décadas colocado do lado certo da historia. 

Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chamamos a estender esta solidariedade aínda máis. Mañá mesmo, na grande manifestación nacional que encherá Compostela de repulsa ao xenocidio e de solidariedade coa Palestina que resiste e se nega a desaparecer.

Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!

Partilla

Subscríbete ao noso boletín internacionalista