Este 15 de outubro, coincidindo coas mobilizacións obreiras que na Galiza se levaron a cabo en apoio ao pobo palestino e en repulsa polo xenocidio, a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina convocou unha nova xornada de mobilizacións.
Milleiros de persoas saíron ás rúas simultaneamente en 46 vilas e cidades do país baixo o lema Galiza con Palestina e en cada unha das localidades foi lido o seguinte manifesto:
Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina
MANIFESTO DAS MOBILIZACIÓNS EN APOIO Á XORNADA INTERNACIONALISTA OBREIRA DO 15 DE OUTUBRO
Compañeiras, compañeiros
Hoxe estamos de novo nas rúas no marco da xornada de loita obreira impulsada desde o sindicalismo galego en apoio á Palestina. Unha mobilización que fai parte da resposta sostida que desde hai 2 anos vimos dando no noso país. Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina téñense convocado, con esta, 36 xornadas de mobilizacións en ducias de localidades. Comezamos o 9 de outubro de 2023 con 3 convocatorias, en Compostela, Vigo e Ourense, mentres nos acusaban de “apoiar terroristas”, e hoxe estamos a ler este manifesto en 46 vilas e cidades. 1.153 concentracións, ducias de actos simbólicos e accións de protesta contra a normalización do xenocidio e 4 manifestacións nacionais, a última das cales colapsou Compostela hai só uns días contra a barbarie sionista e o apoio descarado que o estado sionista recibe do imperialismo, e que foi a maior mobilización internacionalista da historia de Galiza. Estas mobilizacións non se restrinxiron só a unha resposta desde as cidades, senón que propositadamente se estenderon a todas as comarcas do noso país, nunha verdadeira resposta nacional e nunha demostración histórica da posición correcta do pobo galego diante do xenocidio. En cada manifesto sinalamos non só o evidente, a destrucción e a barbarie sionista, senón tamén a denuncia do noso pobo á complicidade e aliñamento dos nosos gobernos, desde outubro de 2023 até hoxe, co sistema imperialista que, no caso da Palestina, toma forma de ocupación colonial, apartheid e xenocidio.
Onte foi asinada a chamada “paz” no Cairo, coa presenza da autoproclamada comunidade internacional. Mais non debemos deixarnos enganar. O encontro do Cairo non é outra cousa que unha representación teatral a maior gloria do imperialismo, que reparte guerra ou paz segundo lle convén, e que nada ten a ver cos acordos de tregua asinados coa Resistencia palestina. Sabemos que o imperialismo e o sionismo non renuncian ao xenocidio por vontade propia, e que o cambio de postura dos gobernos occidentais, que apoiaron sen reservas a matanza de decenas de millares de civís en Gaza e que xa nos últimos meses comezaban a sentirse incómodos nesa postura, non se produciu ao constataren a inxustiza da ocupación e a brutalidade da destrución de Gaza. Alén da foto amañada, o certo é que a mudanza se produciu apenas por dúas causas. A primeira e máis importante: a digna resistencia do pobo palestino, que deixou claro que o xenocidio non daría os froitos esperados e que nin así o pobo palestino ía entregar a súa terra e desaparecer. E a segunda, desde fora: a mobilización popular por todo o planeta, tamén no noso país, que conseguiu trasladar a presión social aos gobernos que apoian o rexime sionista e corroer e deslexitimar a imaxe pública do estado de Israel.
Esta constatación de que Israel é incapaz de conseguir os seus obxectivos de limpeza étnica por vía militar, mesmo recorrendo a todos os crimes de guerra imaxinábeis, e máis o crecente desprestixio do proxecto sionista en todos os ámbitos e a exixencia popular, cada vez máis forte, de acabar coa súa impunidade, de isolalo internacionalmente e de tratalo como inimigo de toda a humanidade, son os elementos que obrigaron os apoios de Israel a mudar de estratexia. Nós, solidarias e solidarios da Galiza, fixemos o que tiñamos que facer, e o que nos comprometemos a facer: nunca deixar de falar da Palestina até que a Palestina sexa libre e soberana.
Agora está por ver se Israel cumpre os acordos, pero a finalización desta fase non resolve o problema de fondo, que é a ocupación da Palestina desde hai case oito décadas. Do que non cabe dúbida é de que a comunidade internacional usará agora todas as súas capacidades para tratar de normalizar de novo a existencia do estado de Israel. Xa o estamos a ver no tratamento mediático, que volve falar de “reféns” para referirse aos israelitas e de “presos” para referirse aos palestinos, como se Israel non os tivese secuestrado por millares, sen garantir sequera un proceso xudicial ou acusación formal ningunha. Non o podemos permitir. E tampouco podemos admitir que, coa sinatura desta “paz” os responsábeis do xenocidio deixen de ser perseguidos. Os crimes do sionismo non poden ficar impunes. A mobilización que levamos 2 anos mantendo nas rúas adaptarase a cada escenario, pero non abandonará o seu obxectivo: continuar sinalando Israel como inimigo da humanidade, como punta de lanza dos intereses imperialistas na rexión e como un estado fabricado a base de ocupar, matar e desprazar, cuxa propia existencia inviabiliza unha paz xusta na Palestina. E continuar sinalando tamén as potencias imperialistas que tiran proveito da ocupación.
Por todo isto, desde a solidariedade galega coa Palestina, continuaremos a
- denunciar a permanente agresión ao pobo palestino e aos pobos da rexión a través do estado de Israel, e exixir o fin da ocupación da Palestina.
- exixir a persecución dos responsábeis políticos do xenocidio.
- exixir o fin da complicidade dos gobernos occidentais e da UE e ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel.
- exixir da Xunta de Galiza que deixe de normalizar o estado de Israel a través de acordos comerciais e patrocinio institucional que nos envergoñan como pobo.
- chamar o noso pobo a manter a mobilización social e a presión popular en apoio á Palestina.
Nos últimos dous anos, estas foron as nosas exixencias, e continuarán a selo.
Galiza con Palestina!
Do río ao mar, Palestina Vencerá!