A continuación, reproducimos o comunicado sobre a situación na Palestina feito público pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina.
COMUNICADO SOBRE A “PAZ” EN GAZA
Despois da sinatura do chamado “Acordo de Paz de Trump” no Cairo o día 13 de outubro, e por moito que a partir de aí os aliados do sionismo e a chamada comunidade internacional estean a tentar por todos os medios normalizar e recuperar a danada imaxe pública do Estado de Israel, a situación na Palestina está hoxe ben lonxe dunha paz real.
Sen que ninguén se sorprenda xa, o Estado de Israel non só non está a cumprir coa entrega dos palestinos secuestrados durante anos nos seus cárceres, senón que continúa a bloquear a distribución da axuda alimentar e a bombardear zonas de Gaza repletas de poboación civil. Esta é a paz de Israel á que Trump pretende colocar o seu nome: novas vítimas mortais todos os días, máis miseria e máis destrución para asentar a idea de que, nen na “paz”, a Palestina será segura para palestinos e palestinas.
O asinado no Cairo non ten nada a ver co acordo aceptado pola resistencia palestina. Sen embargo, son as propias organizacións palestinas as que deben decidir se, malia estas violacións por parte do sionismo, aínda hai condicións, ou se, pola contra, constitúen o fin desta tregua.
Como afirmamos hai uns días na masiva manifestación nacional do segundo ano do xenocidio palestino, lamentabelmente esta tregua non implica de maneira automática a chegada da paz, e moito menos a abertura dun período de xustiza e reparación dos crimes cometidos por Israel. Mentres exista un escenario de ocupación e un ente fabricado polo imperialismo como é o estado de Israel, existirá a loita palestina pola súa soberanía e independencia. Por iso, da Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina estamos a observar, hora a hora, a evolución do verdadeiro acordo, para continuar a organizar a resposta da solidariedade galega, anunciando novas convocatorias no noso país, que hai tempo que asumiu que a causa palestina é unha causa nosa e de toda a humanidade, e denunciando a inacción e a retomada complicidade de quen nos goberna coa entidade sionista e cos seus crimes.
Galiza con Palestina!
— Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina