Pola soberanía dos pobos
Que os Estados Unidos desexan a caída do goberno bolivariano da Venezuela non é secreto ningún. Que teñen levado a cabo inxerencias de todo tipo, desde hai décadas, para impediren a consolidación do proceso revolucionario no país e o proceso de integración progresista da América Latina, tampouco. Porén, tras uns anos en que foi necesario concentrarse na guerra non declarada da OTAN contra a Rusia e na ameaza de que o estado de Israel alargase o xenocidio palestino en forma de guerra rexional, desde o regreso de Trump á Casa Branca, Venezuela ocupa cada vez máis espazo entre os obxectivos inxerencistas dos Estados Unidos.
Baixo a mesma escusa de combater o narcotráfico que lle serviu para estabelecer oito bases militares na Colombia e para intervir a súa política nacional durante décadas, Washington acosa agora a Venezuela cunha permanente ameaza de intervención militar directa. Polo momento, esta ameaza concretouse en varios voos de helicópteros Night Stalker e bombardeiros B-52 nas proximidades de Caracas, violando flagrantemente o espazo aéreo venezuelano, no despregamento de buques de guerra no mar Caribe e en varios ataques a embarcacións civís que, só segundo comunicados norteamericanos, transportaban droga. De acordo co Consello de Dereitos Humanos da ONU, estas accións, que deixan xa case 30 vítimas mortais, violan o dereito internacional do mar e equivalen a execucións extraxudiciais.
En todo caso, a loita contra o narcotráfico, quer na Venezuela quer na Colombia, corresponde aos gobernos destes países, e non aos Estados Unidos, que poden moi ben combatelo nas súas propias costas, se é que diso se trata. Sabemos, porén, que esa guerra nunca foi unha prioridade para a administración norteamericana, senón unha escusa para intervencións militares e hostigamento político en toda a rexión, de México ao Perú.
Estas ameazas militares e a teima en asociar o concepto de “narcoterrorismo” á figura do presidente Nicolás Maduro súmanse ao regueiro de tácticas desestabilizadoras contra a Venezuela Bolivariana mantidas desde os Estados Unidos: embargos, sancións, roubo de activos financeiros, bloqueo de exportacións e importacións para provocar desabastecemento, a tentativa de instituir un goberno paralelo teledirixido, varios intentos de magnicidio, etc. Hai só uns días, o 15 de outubro, a Casa Branca fixo pública unha autorización formal á CIA para realizar operacións encubertas e acións letais dentro da Venezuela. Esta autorización procura non só o impacto directo das accións que sexan levadas a cabo, senón tamén a xeración de medo e desconfianza na poboación e dentro do propio goberno bolivariano, nun claro exemplo de guerra híbrida. O obxectivo é, segundo a propia administración Trump, que os mandos militares do país retiren o seu apoio ao goberno venezuelano, reproducindo o esquema de descomposición interna que, en 1989, facilitou a invasión de Panamá, tamén naquela altura coa escusa da loita contra o narcotráfico.
En paralelo, a concesión do premio Nobel da Paz a María Corina Machado, unha das cabezas visíbeis da oposición golpista, ultradereitista declarada, e que cobiza a invasión do seu propio país, non deixa de alargar o espectro das accións indirectas para reforzar a idea de que o goberno bolivariano é unha “ditadura” que debe ser combatida por calquera medio. E a negativa de Washington a ouvir as diferentes propostas de desescalada enviadas por Caracas deixa claro que os Estados Unidos non procuran unha negociación, senón a capitulación da Revolución. Está por ver se o enfoque inclúe unha invasión da Venezuela en aberto ou outros medios. Do que non cabe dúbida é de que isto non ten nada a ver coa loita contra o narcotráfico.
Os ataques contra os intereses venezuelanos e a ameaza permanente á súa soberanía e mesmo á súa integridade territorial non se dá por acaso. A ninguén se lle escapa que Washington cobiza os grandes recursos enerxéticos do país, mais os motivos non se poden limitar só ao petróleo e ao gas. Con todos os seus límites, propios e sobre todo impostos desde fóra, a Venezuela Bolivariana representa, desde o inicio da súa Revolución e coa procura da chamada “segunda independencia”, un exemplo político para a América Latina e para outros pobos do mundo no que ten a ver co uso dos recursos propios para o un desenvolvemento autocentrado, no submetimento dos privilexios das oligarquías rendistas aos intereses das clases populares, nas ambiciosas propostas de integración rexional en pé de igualdade e sen titoraxes, na defensa da soberanía nacional frente ao imperialismo ou na súa aposta por un mundo contrahexemónico ou, no mínimo, multipolar.
Por ese motivo, porque defendemos o absoluto respeito á soberanía política dos pobos frente a calquera inxerencia mostramos o noso apoio ao goberno lexítimo da Venezuela diante desta escalada na agresión imperialista.
Galiza con Venezuela!
Venezuela respéitase!