A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina convocou hoxe un acto simbólico no pantalán de Caranza, en Ferrol, con motivo do Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino. Co acto, que consistiu no izado dunha grande bandeira palestina, a Coordenadora pretende facer un chamamento ao pobo galego a manter activa a mobilización social e a presión sobre os gobernos da Xunta e do Estado e sobre a Unión Europea para que asuman, no ámbito das súas responsabilidades, a defensa do dereito internacional e dos dereitos do pobo palestino, que continúa a sofrer as consecuencias da ocupación e o xenocidio.
En particular, a Coordenadora sinalou que o Estado español deu cobertura ao chamado plano de paz de Trump, malia que neste mes e medio desde a súa presentación, Israel continúa a asasinar civís palestinos por centos e a impedir o acceso da poboación damnificada a medicamentos, alimentos e insumos básicos.
Neste sentido, os convocantes anunciaron que, no vindeiro día 15 de decembro, cando se farán dous meses do chamado plano de paz, volverán saír ás rúas en ducias de localidades por toda a xeografía galega para expresar que a posición maioritaria do pobo galego ao respecto continúa a ser a causa dunha Palestina libre e en paz.
MANIFESTO POLO DÍA INTERNACIONAL DE SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO
Hoxe, 29 de novembro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Solidariedade co Pobo Palestino. Unha data que lembra a vergoñenta decisión de partir a Palestina para crear artificialmente un Estado para colonos europeos no corazón de Oriente Medio. Aquela decisión, tomada a millares de quilómetros da Palestina, é a orixe de todos os problemas, de toda a dor e de toda a destrución que o pobo irmán palestino leva soportando desde que o plano de partición foi executado, a maior beneficio do imperialismo occidental. Non existe ningunha data como esta referida a ningún outro pobo, porque ningún outro pobo soporta desde hai case oito décadas un xenocidio como o que hoxe estamos a ver. A simple existencia desta data, aprovada pola ONU en 1977, dá mostra da indixencia política dos grandes poderes do mundo, capaces de acordar unha data, pero incapaces de condenar o estado xenocida de Israel e de romper relacións con el.
Sen embargo, nestes últimos dous anos, o 29 de novembro resulta especialmente doloroso. A brutal agresión sionista e os seus efectos (a morte de decenas de millares, a práctica destrución de toda Gaza, a transformación da vida normal nun exercicio imposíbel) continúa a deixar vítimas e a producir vergoña aos ollos do mundo. Sobre todo agora que, tras un mes e medio da presentación do plano de paz de Trump, a agresión non só non se detivo, senon que parece estenderse por toda a Cisxordania e os Territorios Ocupados incluíndo no obxectivo bélico do sionismo a anexación da Cisxordania.
A situación, non nos enganemos, é de extrema gravidade. Ainda que agora os grandes medios de comunicación dean a historia por contada e ollen para outra parte. Ainda que as grandes potencias, que estaban sendo obrigadas a pronunciarse e a dar pasos contra o sionismo, aproveiten o silencio mediático para renormalizaren o estado de Israel e desviaren a atención.
De novo, como no inicio da agresión, cando os poderes globais se posicionaron macizamente do lado do agresor e foi a solidariedade quen tivo que abrir fendas no seu discurso, mobilización a mobilización, campaña a campaña, é tarefa da solidariedade romper ese novo muro de silencio e inacción. Temos, pois, que continuar sinalando co dedo os responsábeis políticos da Unión Europea para lles exixir que saquen da gaveta as sancións a Israel e a ruptura de relacións preferenciais que chegaran a pór enriba da mesa. Temos que exixir de novo ao goberno español que aquelas aparentes rupturas que hai só uns meses nos prometían se materialicen dunha vez por todas. Non esquecemos que o goberno español foi un dos que foi ao Cairo aparecer na foto con Trump, nin a súa actual estratexia de silencio cómplice. E temos que continuar a recriminar ao goberno da Xunta que, diante dun xenocidio televisado, non teña levantado un dedo nin sequera aberto a boca, mentres coa súa prática lexitima o agresor. Como se os crimes contra a humanidade non fosen co noso país.
Non hai derrotismo nas nosas palabras. Anímanos o exemplo de dignidiade e resistencia do pobo palestino. E, sobre todo, o facto evidente de que, malia toda a traxedia humana e todos os crimes sionistas, a Palestina non foi derrotada, senón que continúa a marcar a pauta da causa de toda a humanidade contra o imperialismo e o sionismo.
A Palestina non está a baixar os brazos, e por iso os nosos tampouco se van render. A solidariedade non para, e cumprindo coa promesa que nos fixemos hai máis de 2 anos de nunca deixar de falar da Palestina mentres non sexa libre e soberana do río ao mar, continuaremos coa mobilización social nas rúas e prazas do noso país. Saudamos as iniciativas que hoxe, nesta data sinalada, se celebran por toda a Galiza e chamamos o pobo galego a voltar ás rúas no día 15 de decembro en todas as comarcas, cando se cumpran 2 meses deste inoperante e falso plano de paz, para continuar deixando claro cal é a posición do pobo galego:
- Que o pobo palestino ten dereito á paz, á liberdade e ao pleno exercicio da soberanía, como todos os demais pobos do mundo.
- Que os danos e a destrución deben ser reparados e a ocupación desmantelada para garantir eses mesmos dereitos da Palestina
- E que os crimes do sionismo e os crimes de quen o apoiou deben ser xulgados.
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!
— Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina