Malia o silenciamento mediático, o xenocidio continúa na Palestina e tamén a solidariedade nas rúas da Galiza. Nen o temporal impediu á solidariedade galega acudir á súa cita coa causa palestina e sinalar a complicidade e o oportunismo de quen nos goberna.
Mentres a Resistencia palestina continúa en pé polos dereitos do seu pobo á paz e á soberanía, nós cumprimos a obriga que nos puxemos de nunca deixar de falar da Palestina até a súa completa liberdade.
Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina
MANIFESTO DAS CONVOCATORIAS DO 15 DE DECEMBRO
Hoxe, 15 de decembro, cumpre 2 meses o chamado plano de paz de Trump. Nestes 2 meses, as vítimas da agresión sionista non deixaron de aumentar e Gaza continúa a ser un cárcere cercado por muros onde colonos europeos autoproclamados carceleiros administran o que entra e o que sae, para que nada entre (nin axuda humanitaria nin alimento nin material para a reconstrución) e para que quen saia non poida entrar de novo. O incumprimento sistemático por parte de Israel, non só dos acordos coa Resistencia, senón tamén dos xenéricos puntos estebelecidos no plano de Trump que ía por fin traer a paz à Palestina non parecen preocupar a ninguén, demostrando así que o verdadeiro obxectivo daquel plano non era deter o xenocidio, senón reducir a presión política contra Israel e aliciar a opinión pública para frear o deterioro da imaxe pública do sionismo.
Nestes 2 meses , os ataques contra a faixa de Gaza non só non se detiveron, senón que se alargaron tamén a outras áreas da Palestina ocupada. Localidades da Cisxordania sofren cada día ataques do exército israelita e de colonos armados polo rexime sionista; o sur do Líbano continúa a recibir ataques de drones e proxectís israelitas; e tamén continúan as agresións contra a Siria e ameazas directas contra Irán. E, sen embargo, as voces oficiais continúan a falar de “pacificación” e “plano de paz”. Todo coa absoluta connivencia dos Estados Unidos e dos membros da Unión Europea.
Nestes 2 meses, xa que logo, tampouco deixou de medrar a ruindade dos aliados do estado terrorista de Israel — a ruindade dos nosos gobernantes, empeñados en re-normalizar os seus negocios coa entidade xenocida mentres os grandes medios silencian a realidade e afastan a ollada da rexión.
Nós, solidarios e solidarias da Galiza, non podemos ollar para outra parte. Non podemos deixar de falar da Palestina porque o noso pobo irmán continúa baixo unha ocupación criminal e porque o xenocidio non se detivo. E non podemos deixar de sinalar quen nos gobernan, porque continúan sen facer nada para pór fin a estes crimes.
E hai que dicilo claramente: non nos serve de nada que o Estado español se retire de Eurovisión se deixa sen tocar os seus acordos con Israel. Tampouco nos serve de nada o recoñecemento tardío do Estado Palestino se é apenas formal e non implica un cambio substancial na política exterior na rexión. Nos serven as ladaíñas da Unión Europea se Israel continúa como socio preferente en comercio e política exterior e de seguranza. E obviamente non nos serve o absoluto silencio do goberno galego, empeñado en recibir os enviados de Israel mentres bloquea calquera iniciativa política e institucional a favor da Palestina, e continúa a ignorar as máis de mil trescentas convocatorias da solidariedade por todo o país durante máis de 2 anos. Diante destes crimes contra a humanidade toda, a inacción da Unión Europea, as medidas estéticas e oportunistas do Estado español e o vergoñento silencio da Xunta de Galiza son tamén unha postura: a postura de quen apoia o xenocidio e o pesadelo expansionista de Israel.
Frente a esta vergoña, anímanos o exemplo de dignidade e resistencia do pobo palestino, que non foi aínda derrotado e que continúa a exixir os seus dereitos, que son os dereitos de todos os pobos do mundo: paz, soberanía e vida digna.
Estas son, pois, as nosas demandas. E mentres non se cumpran, sobre elas continuaremos a mobilizarnos e a repudiar a complicidade dos nosos gobernos.
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!
/ Imaxes de Compostela, Vigo, Lugo, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Melide, Lalín, Brión e Carballo