De Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, manifestamos a nosa máis firme condena á brutal agresión dos Estados Unidos á Venezuela, que constitúe unha inxerencia inaceptábel contra a soberanía dos pobos e que implica un golpe de estado militar na liña das intervencións que, nas décadas de 1970 e 1980, protagonizaron os anos máis escuros da historia recente do continente americano.
Alén dos gravísimos acontecementos, chamamos a atención para o feito de que, nun mundo onde constantemente se nos asegura que existen normas de convivencia e dereito internacional, unha potencia poida recorrer impunemente á vía da intervención militar para subverter, neste caso, os mandatos eleitorais sucesivos do pobo da Venezuela e proceder ao secuestro do presidente do país. Que os agresores pretendan dar un verniz de validez xurídica a un acto de guerra só por anunciar unha farsa xudicial nos EUA non constitúe outra cousa que unha pura parodia dese dereito internacional, co agravante de deixar vítimas mortais na Venezuela.
Nesta liña, resulta deplorábel a posición do goberno español, póndose de perfil e anotándose xa a un escenario de transición política que aínda non existe e que deberá depender, en todo caso, do pobo venezuelano. Igualmente, son miseráveis as declaracións oficiais da Unión Europea, atrevéndose a calificar de ilexítimo o goberno eleito de Nicolás Maduro e a súa presidencia. Facer este tipo de declaracións cando o país está a ser vítima dunha agresión flagrante causa a mesma repulsa que o ataque mesmo, ao que dan cobertura política e diplomática. Do servil goberno galego, aliñado coa política internacional máis reaccionaria, tristemente xa non agardamos nada. As democracias liberais son isto: todo fachada, sen elementos democráticos reais por ningures.
Chamamos tamén a atención sobre a bochornosa liña editorial dos grandes grupos mediáticos públicos e privados nas últimas semanas, que, en lugar de sinalar o facto obxectivo do bloqueo dun país por vía militar e o bombardeo estado-unidense de lanchas tripuladas en augas soberanas da Venezuela, preferiu falar en termos de “pulso entre Maduro e Trump”. Esta cobertura mediática, frontalmente oposta á función informativa e deliberadamente allea a calquera lectura crítica da situación, ten como obxectivo desviar a atención do que é, en todo caso, unha sistemática política de agresión por parte dos Estados Unidos, e caricaturizar o agredido lexitimando o agresor.
Lembramos que a Venezuela é alvo deste e de todo tipo de ataques contra a súa soberanía desde que, da man dos gobernos revolucionarios de Hugo Chávez, saiu da órbita do imperialismo para exercer a súa soberanía sobre os imensos recursos naturais do país, a comezar polo petróleo. Eses recursos soberanos serviron para aumentar a cobertura social, chegando ás camadas máis destratadas da poboación por impulso dunhas políticas de socialización e redistribución diametralmente opostas ás habituais prácticas de concentración da riqueza e rapina de recursos que levan a cabo os Estados Unidos e os seus aliados.
As agresións incluíron intentos de golpe de estado e magnicidio, inxerencia eleitoral, sabotaxes e terrorismo, recoñecemento dun presidente autoproclamado, roubo de fondos do país en bancos europeos e embargos e sancións económicas de todo tipo. Nada disto conseguiu dobregar a vontade popular nin a economía venezolana. Por iso o recurso á intervención militar se converte na última vía do imperialismo para colocar un goberno títere que, como xa anunciou María Corina Machado, libere todos eses recursos para o saqueo por parte do capital estranxeiro.
Exiximos a liberdade imediata do Presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro Moro e a súa compañeira Cilia Torres, o fin da agresión militar e o respeito á soberanía de Venezuela.
Finalmente, facemos tamén un chamado ao pobo galego a non se deixar enganar pola propaganda imperialista, a expresar a súa solidariedade co pobo agredido, e a defender a sobenanía e a liberdade da Venezuela para escoller o seu camiño para o futuro.
Galiza coa Venezuela!
Non á agresión imperialista!