Galiza con Venezuela fronte á agresión imperialista e pola soberanía dos pobos

10/01/2026

Este sábado 10 de xaneiro, o internacionalismo galego saíu ás rúas de Compostela convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) e o Capítulo Galego da Internacional Antifascista, do que Mar de Lumes fai parte, en repulsa pola agresión dos Estados Unidos á Venezuela e o secuestro do presidente Nicolás Maduro e da deputada Cilia Flores.

Esta acción dase en medio da mobilización da solidariedade, que xa se manifestou o propio día 3 de xaneiro diante do consulado xeral da República Bolivariana da Venezuela en Vigo.

A continuación, partillamos o manifesto lido no final da manifestación por Ana Mosquera, presidenta da AGABO.

Contra as agresións ianquis a Venezuela.
Pola soberanía, pola liberación do Presidente Nicolás Maduro e a deputada Cilia Flores

O 3 de xaneiro, o mundo foi testemuña duns actos brutais en Venezuela. Os Estados Unidos de América, abordaron o territorio venezolano, mataron mais de cen persoas, destruíron almacéns de medicinas e servidores informáticos da universidade. O ataque do 3 de xaneiro non é un feito illado senón a culminación de décadas e inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o Comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano.

Este ataque incumpre numerosas normas de dereito internacional: violación da soberanía territorial, violación da prohibición do uso da forza, violación do principio de non intervención, vulneración da inviolabilidade do Xefe de Estado.

    Os argumentos para xustificar esta intervención foron falsos, e ademais cínicos. Falaban de loita contra o narcotráfico, pero mentres atacaban Venezuela indultaban Juan Orlando Hernández, ex presidente de Honduras condenado polos tribunais estadounidenses a 45 anos por narcotráfico. E fixeron crer a moita xente, algúns incluso con boa fe, que as eleccións de 2024 foran gañadas en Venezuela pola oposición. Agora mesmo o propio presidente dos Estados Unidos recoñece publicamente que a oposición venezolana carece de apoio popular, lexitimidade e respecto, o cal fai insostíbel esa narrativa.

      Pero por se alguén tiña dúbidas sobre cales eran as intencións do Imperio:

      Xa antes de que o Presidente Maduro chegara como prisioneiro de guerra a Nova York, Donald Trump expuxo claramente por segunda vez en poucas semanas que o que quería da Venezuela era petróleo gratis e apropiarse do resto de recursos naturais. Querendo recuperar a Venezuela como unha colonia do imperio americano. 

      Así mesmo, impulsar o patrón dólar como moeda de referencia para o comercio internacional, dado que xa desde hai máis dun ano, o comercio internacional de Venezuela era realizado noutras moedas, supoñendo isto un grave risco para a economía norteamericana e para o valor do dólar como moeda de referencia. Unha cuestión que os Estados Unidos non quere permitir baixo ningún concepto. 

      Ao mesmo tempo, este ataque inicia unha nova época na que, de forma groseira, os EEUU pretenden exercer o imperialismo xa sen gardar sequera as formas. Ninguén pode levarse a engano, e por iso non é o momento de ser mornos. É hora de denunciar con firmeza estas practicas imperialistas e solidarizarnos co pobo venezolano e co conxunto dos pobos de América Latina que viven bloqueados polos Estados Unidos de América, algúns desde hai décadas, como o caso de Cuba. Así como, as agresións americanas en Oriente Medio, o continente africano, sendo un exemplo máis o xenocidio na Palestina por parte do goberno sionista de Israel e amparado por Donald Trump e Marco Rubio.

      Isto non é só sobre Nicolás Maduro. Isto é sobre se aceptamos a aplicación da lei do máis forte, da forza bruta, impoñéndose sobre as regras mínimas de convivencia dos pobos e no marco da normativa internacional.

      Non podemos resignarnos a que os pobos dignos sexan vítimas dos caprichos e desexos do novo imperialismo. O mundo ten experiencia. No século pasado este tipo de “aventuras” remataron en cruentas guerras.

      Por iso, erguemos a voz para esixir con firmeza, dentro do respecto á Soberanía dos pobos:

      1. A liberación inmediata e segura do Presidente Nicolás Maduro Moros e de Cilia Flores. 
      2. O cesamento total da agresión militar imperialista e o respecto absoluto á integridade territorial da República Bolivariana de Venezuela.
      3. Que a comunidade internacional actúe con firmeza e sen ambaxes. Que condene de forma unánime esta violación e traballe para restaurar a lexitimidade baseada no Dereito e a soberanía popular.
      4. Cesamento inmediato das inxerencias no resto das nacións. Respectando o dereito á soberanía dos pobos e non intervención en cuestións internas e externas. 

      Hoxe o pobo galego consciente que participa nesta mobilización de dignidade e antiimperialismo queremos manifestar a nosa rotunda condena aos Estados Unidos de América e ao goberno de Donald Trump pola agresión militar e intervención en Venezuela. O noso apoio á presidenta encargada Delcy Rodríguez, que con dor asumiu esta misión, no marco da Constitución venezolana. E, cómo non, enviamos as nosas condolencias aos familiares dos mortos. Saudamos con honra os militares venezolanos falecidos e tamén os civís e enviamos unha enorme aperta aos amigos cubanos como exemplo de solidaridade internacionalista e sempre no apoio dos procesos revolucionarios, sexan en países de África ou en Venezuela. 

      Compañeiras, compañeiros, amigas e amigos, o imperialismo non pasará sen oposición, aquí está a mostra real de dignidade, desde Galiza enviamos unha mensaxe clara ao mundo: IMPERIALISMO, NUNCA MÁIS!

      Viva A Republica Bolivariana de Venezuela
      Viva Chávez
      Liberdade ao presidente Maduro!
      Galiza, Venezuela, SOLIDARIDADE!

      Partilla

      Subscríbete ao noso boletín internacionalista