A solidariedade galega coa Palestina volta ás rúas cando se cumpre o terceiro mes do “plano de Trump” que ia acabar co xenocidio. A continuación deixamos o manifesto lido nas máis de 40 vilas e cidades do país.
Compañeiras e compañeiros
Comezou un novo ano e a solidariedade coa Palestina non se detén, fiel ao principio de nunca deixarmos de falar do noso pobo irmán palestino mentres non sexa libre nunha terra libre e en paz, da auga á auga, do río ao mar.
En poucos días, este 15 de xaneiro, cumpriranse 3 meses do chamado “plano de paz” que Washington puxo sobre a mesa. Cumpriranse 3 meses desde que os aliados do imperialismo e os lacaios de sempre correron a Exipto a aplaudirlle a iniciativa e aparecer na foto. 3 meses desde que nos dixeron que se abría un período de paz para Gaza e que a guerra — porque esa xente chama “guerra” a un xenocidio — ía acabar por fin. E non acabou. Non hai paz para Palestina se a ocupación permanece e o xenocidio se estende, aínda que sexa máis lentamente.
3 meses despois, Gaza continúa igual ou peor que antes do plano de Trump. As matanzas non se detiveron: mudaron de armamento, mais continúan igual de sistemáticas e impunes, e atinxen non só a Faixa Gaza como tamén outras partes da Palestina ocupada. A fame e as enfermidades non se combaten: alargan as súas vítimas como arma de guerra. A axuda humanitaria non entra: segue a apodrecer nos pasos que controla Israel. E as bombas non deixan de cair. Nunca deixaron. Desde a sinatura desta farsa da paz, os xenocidas israelitas déixannos máis de 425 vítimas mortais e mais de 1.100 persoas feridas ás que se lles nega atención médica en condicións. Todo isto nun territorio arrasado e sen posibilidade de vivenda ou as infraestruturas máis básicas. Neste terríbel contexto, exixir o desarme da Resistencia palestina procura esmagar calquera posibilidade de autodefensa para favorecer novas fases do plano de limpeza étnica que o sionismo sempre pretendeu.
Só unha cousa mudou nos últimos tres meses. Un aspecto fundamental para que nada do resto cambie: as grandes corporacións da comunicación social, as que día a día se dedican a moldar a opinión pública, deixaron de contar o ben pouco que contaban. Xa teñen as cámaras e os micros postos noutro lugar e por fin poden os asasinos sionistas proseguir cos seus crimes sen medo a que a súa imaxe internacional se resinta.
Para iso era o plano de paz. Para o único que serviu foi para instalar ese silencio hipócrita e cómplice e desviar a atención do mundo. Por iso, neste novo escenario onde pretenden que a Palestina deixe de existir, é mais importante que nunca que a solidariedade se manteña activa, que ocupemos as rúas levando a voz do pobo en resistencia e denunciemos tanto os crimes sionistas como a cómoda complicidade de quen nos goberna. A nós, solidarias e solidarios da Galiza, tócanos repudiar a despreocupación dunha Xunta que decidiu que ao noso pobo non lle debe importar o que pasa no mundo. Tócanos denunciar a connivencia dun goberno español que se dedica a mostrar cunha man xestos simbólicos inúteis mentres coa outra agocha os acordos económicos e militares cos xenocidas. E tócanos desvendar a complicidade dunha Unión Europea que o único que sabe facer é aplaudir as empreitadas dos Estados Unidos, tanto fai en que continente as leve a cabo e que forma adopten, ou se son contra a Palestina, ou contra a Venezuela, ou contra o Irán, ou contra Nixeria, ou contra Cuba, ou contra os propios aliados europeos a conta dunha Groenlandia que o amo cobiza agora a toda costa.
Contra esta parálise informativa, o papel que podemos xogar desde a solidariedade é esencial. Non é por acaso que países como Alemaña veten mobilizacións a favor da Palestina ou que o Reino Unido teñan modificado a súa propia lexislación para a ilegalizar e perseguir organizacións da solidariedade ás que tratan de terroristas. E tampouco é casual que noutros estados imperialistas, como o español, ducias de activistas enfrenten na Galiza procesos pola súa solidariedade, nas mobilizacións contra La Vuelta ou por usaren os seus perfís nas redes sociais para repudiar o xenocidio e exixir unha paz real. Non é accidental que se dediquen aquí e alí a retorcer o significado do anti-sionismo para facelo pasar por antisemitismo, monitorando contas de activistas nas redes sociais e usando o seu sistema xudicial para perseguilos. Estas son tamén maneiras de axudaren Israel e o sionismo e de espallaren o medo a que nos involucremos socialmente contra o imperialismo. E por iso continuaremos a denuncialo tamén.
Nin un paso atrás na solidariedade galega coa Palestina!
Galiza con Palestina!Palestina Vencerá!