O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes convoca manifestación en Ferrol o domingo 25 de xaneiro ás 12h contra a estratexia de intimidación e criminalización da solidariedade internacionalista con Palestina e enfatiza que a represión non vai distraer o verdadeiro foco que seguirá a ser a denuncia do xenocidio e da ocupación.
Mar de Lumes e unha trintena de organizacións civís, políticas, sindicais e culturais do tecido social galego denunciaron hoxe nun acto para a prensa unha campaña de persecución contra activistas que pretende intimidar a solidariedade coa causa palestina. Interviron Helena Carro, como portavoz de Mar de Lumes, e o propio encausado Bruno Lopes.
Helena Carro informou de que a Brigada de Información da Garda Civil realizou unha denuncia de oficio contra Bruno Lopes Teixeiro en base a unha serie de publicacións nos seus perfís sociais particulares. Por este motivo, Bruno Lopes terá que declarar o día 10 de marzo ás 10h no xulgado de instrucción número 1 de Ferrol, e podería enfrentar mesmo pena de prisión.
Bruno Lopes é un coñecido activista e militante internacionalista, comprometido tamén co causa nacional da Galiza e coa vida social e comunitaria de Ferrol e da súa comarca, e a denuncia contra el en relación a varias publicacións antisionistas e nas que denuncia o xenocidio e a complicidade occidental co sionismo “constitúe un claro ataque á liberdade de expresión e un intento de criminalizar a solidariedade”. De Mar de Lumes salientamos que esta denuncia é feita de oficio, sen denuncia previa de ningún particular ou entidade, o que evidencia que, “nun escenario de xenocidio, o Estado español pon as súas forzas policiais a monitorar perfís persoais de activistas e militantes que se opoñen precisamente a ese xenocidio”.
Carro asegurou que “se o obxectivo é estender o medo, non o van conseguir. E se obxectivo é desviar a atención do que acontece na Palestina por medio da represión, tampouco, xa que as mobilizacións convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, e que pasan xa das 1.300 desde outubro de 2023, van continuar”.
O propio Bruno Lopes recalcou que “esta denuncia se enmarca nunha política de persecución contra quen dá voz á causa palestina, como aviso a navegantes, mentres que as redes sociais están cheas de contas que aplauden a limpeza étnica que Israel practica na Palestina e reclaman máis bombardeos e máis mortes”. Unhas contas que, de feito, actúan con impunidade e que non son perseguidas. O propio Lopes informou de que os servizos xurídicos da CIG se están a encargar da defensa e de estudar as opcións legais para denunciar “unha actuación da Guardia Civil arbitraria e politicamente orientada”.
En canto ao contido da denuncia, o propio Lopes criticou que se misture de maneira deliberada conceptos como o antisionismo e o antisemitismo, “pretendendo pasar por odio contra os pobos semitas o que non é outra cousa que a crítica lexítima a unha ideoloxía supremacista e racista que dá sustento ao xenocidio na Palestina”. Unha crítica que considera un mínimo democrático.
Bruno Lopes tamén lembrou que a denuncia que recibiu non é un caso isolado e informou de que “hai multas, sancións e xuízos abertos contra activistas que participaron nas protestas contra a participación do equipo ciclista Israel Primer Tech en La Vuelta, así como persoas que foron detidas pola Policía Nacional despois de manifestacións populares antisionistas”, e nun marco de criminalización da causa palestina que noutros estados europeos está xa a vetar mobilizacións sociais, como na Alemaña, ou onde accións por Palestina están a ser xulgadas baixo lexislación antiterrorista, como acontece no Reino Unido.
O colectivo Mar de Lumes agradecemos tamén a iniciativa do deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, para que se garanta o pleno exercicio dos dereitos fundamentais e a liberdade de opinión, e que se investiguen as actuacións da Guardia Civil neste caso. E anunciamos tamén mobilizacións sociais de repulsa desta estratexia de intimidación, a comezar por unha manifestación en Ferrol o domingo 25 de xaneiro ás 12h con saída desde a praza Amada García, e unha concentración o día 10 de marzo diante dos xulgados coincindo coa declaración de Bruno Lopes. Finalmente, agradecemos tamén as múltiples mostras de apoio recibidas nestes días e a presenza de varias das organizacións apoiantes nesta roda de prensa.
Organizacións presentes (orde alfabética):
A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Cultural Artábria, Betanzos e Comarca con Palestina, Bloque Nacionalista Galego, Comité Anti-OTAN de Compostela, Compostela por Palestina, Comunismo Revolucionário Galego, Confederación Intersindical Galega, COSAL, Erguer – Estudantes da Galiza, Escolas de Ensino Galego Semente, Ferrol con Palestina, Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova, Galiza por Palestina, Gentalha do Pichel, Movemento Arredista, Movemento Global para Gaza – Galiza, Mulleres Nacionalistas Galegas, Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sanidade Galega con Palestina, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, Unión da Mocidade Galega, Unión do Povo Galego e Vía Galega.