Este 25 de xaneiro arredor de seiscentas persoas percorreron as rúas da cidade de Ferrol nunha manifestación baixo o lema “Antisionismo non é antisemitismo. Galiza con Palestina”, convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina. A acción denunciou a estratexia de persecución e os intentos de intimidación do Estado español contra activistas e militantes antisionistas no marco dunha actividade solidaria que na Galiza se mantén sen interrupción desde hai máis de dous anos.
Nesta mobilización, convocada a raíz da denuncia que recibiu o compañeiro de Mar de Lumes, Bruno Lopes, lembrouse que hai máis persoas represaliadas pola súa acción solidaria e informouse de que, nos últimos días, están a chegar novas sancións e multas contra activistas.
Desde a Coordenadora, porén, insistiuse en que a represión non pode mudar o foco da solidariedade galega, que debe continuar centrada no que é máis relevante, que é o xenocidio en curso e a estratexia de silenciamento mediático e político.
A continuación, reprodúcese o contido do manifesto lido na Praza de Armas de Ferrol no final do percorrido.
Compañeiras e compañeiros
O motivo desta mobilización de hoxe é mostrar a nosa repulsa diante da denuncia que o compañeiro Bruno Lopes vén de recibir a instancias da Brigada de Información da Garda Civil. Unha denuncia que pretende converter publicacións antisionistas nas redes sociais nun suposto delito de odio contra a relixión xudaica. Unha denuncia que tenta facer pasar o anti-sionismo por anti-semitismo.
A raíz desta denuncia, pretenden que o Bruno declare o día 10 de marzo no xulgado de instrución número 1 de Ferrol por dicir o mesmo que millóns de persoas en todo o mundo estamos a dicir: que o que está en curso na Palestina é un crime contra toda a humanidade; que o sionismo é unha ideoloxía criminal e unha lacra; e que o Estado de Israel, como entidade perpetradora do xenocidio e que existe unicamente a través dunha ocupación ilegal de case oito décadas, debe desaparecer para que a paz, a verdadeira paz, poida voltar á Palestina e a toda a rexión.
A denuncia é feita de oficio, e isto di moito mais sobre o Estado español que sobre o Bruno. Porque resulta que, nun escenario de xenocidio televisado, mentres ducias de millares de crianzas son asasinadas e a Faixa de Gaza é reducida a escombro, en lugar de preocuparse polas contas sionistas, abertamente racistas e violentas, as forzas policiais dedícanse a tomar nota do que activistas e militantes antisionistas publican nos seus perfís e xogan a perseguir, multar e deter persoas solidarias.
Non é así como se persegue o odio. Así, o que se persegue é a solidariedade.
Xa tivemos persoas detidas por accións de boicote. Xa tivemos persoas identificadas en protestos pacíficos. Xa tivemos agresións policiais a persoas que se mobilizaban contra o uso do deporte para branquear a imaxe internacional de Israel. Varias desas persoas están agora a recibir multas por teren feito parte de multitudes contrarias a esa normalización que decidiron non ficar na casa.
Xa tivemos todo iso e dicimos, alto e claro, que non o van conseguir. Se o obxectivo é estender o medo, para que marchemos para a casa, non o van conseguir. Se o obxectivo é desviar a atención, para que falemos da represión e non do xenocidio, non o van conseguir. A solidariedade galega xa demostrou ser perfectamente capaz de denunciar estes intentos de intimidación e, ao mesmo tempo, continuar nas rúas contra o xenocidio.
E iso é o que imos continuar facendo: sen desviarnos nen o máis mínimo, saír ás rúas a sinalar os criminais que o perpetran este xenocidio contra o noso pobo irmán palestina. Saír ás rúas a sinalar os seus aliados, a sinalar a indolencia da Xunta, a complicidade por baixo da mesa do Estado español e o descarado apoio da Unión Europea. Sinalar a hipocrisía da chamada Xunta de Paz, que non é o outra cousa que a enésima tentativa de instalar un virreinado e tomar o control de Gaza. E sinalar o silenciamento mediático.
Mentres a Palestina non teña paz, mentres a Palestina non sexa libre, non deixaremos de falar dela. E se tentan criminalizar a solidariedade, multiplicaremos a solidariedade.
Galiza con Palestina!
Palestina vencerá!
— Lista de Organizacións apoiantes:
Asociación Cultural Fuco Buxán
Asociación de Actores e Actrizes da Galiza
Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega
Asociación O Naranxo
Asociación Cultural Eira Vella
Asociación Cultural Muíño do Vento
Asociación Veciñal de Canido
Associaçom Cultural Artábria
Bloque Nacionalista Galego
Centro Social Gomes Gaioso
Colectivo Terra
Comarca de Betanzos con Palestina
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
Comité Anti-OTAN de Compostela
Compostela por Palestina
Comunismo Revolucionario Galego
Confederación Intersindical Galega – CIG
Confederación Xeral do Traballo – CGT
Coordinadora da Mocidade Socialista
Erguer – Estudantes da Galiza
Escolas de Ensino Semente
Ferrol en Común
Ferrol con Palestina
Fundación Galiza Sempre
Galiza Nova
Galiza por Palestina
Gentalha do Pichel
Mar de Lumes
Mobilidade Humana
Movemento Arredista
Movemento Global para Gaza – Galiza
Pallas@s en Rebeldía
Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Unión Comarcal de Ferrol de Comisións Obreiras
Unión da Mocidade Galega
Unión do Povo Galego
Vía Galega