Declaración sobre a crise na Ucraína e o Donbass

De Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, queremos facer pública a seguinte declaración, na secuencia dos acontecementos que se veñen de precipitar nas últimas horas na Ucraína e no Donbass, mais que arrastran un histórico de varios anos que non podemos obviar. 

Nas últimas semanas, a crise política no leste da Ucraína está a ser presentada á opinión pública mundial, incluída a galega, baixo unha sistemática campaña de desinformación. O obxectivo é orientar politicamente esa mesma opinión pública en liña cos intereses dos Estados Unidos e as potencias centrais da Unión Europea. Por outras palabras: á procura dun aliñamento dos nosos pobos co imperialismo e contra a Rusia que xustifique calquera acción directa ou indirecta contra ese país. 

En particular, rexeitamos o intento de disociar o conflito do Donbass do golpe de estado de 2014 que levou organizacións abertamente fascistas e neonazistas ao poder na Ucraína, e que inmediatamente desatou políticas de represión e persecución contra a minoría rusa que vive nela e contra a oposición política. Lembramos tamén que tanto os Estados Unidos como os sucesivos gobernos golpistas en Kiev fixeron todo o posíbel por impedir unha solución negociada e política ao conflito territorial. En particular, evitando por todos os medios materializar os diferentes puntos dos protocolos de Minsk I e Minsk II e, en troca, conducindo accións de guerra contra a poboación civil dos territorios presentados como “pro-rusos”.

Pola súa vez, o propio golpe de estado do Euromaidan tampouco se pode explicar sen ter en conta o apoio político, diplomático e loxístico da Unión Europea e dos Estados Unidos, que tiñan como obxectivo real aseguraren un goberno inclinado aos seus intereses inmediatos: a expansión da OTAN para o leste do continente e a ampliación da rede de bases e instalacións militares ás portas da Rusia. 

Portanto rexeitamos a estratexia mediática que tenta criar un clima de guerra en toda Europa, tomando como pretexto este conflito político, o recoñecemento das referidas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk e últimas acción militares por parte da Rusia, presentándoas como unha irracional e ilegal tentativa de invadir Europa. 

Non esquecemos que, alén das diversas xustificativas, o fin último da OTAN ten sido cercar a Unión Soviética e mais tarde a Federación Rusa, para frustrar o normal desenvolvemento da súa política exterior e, en longo prazo, bloquear o resurximento dun actor global que, xunto con outras novas potencias globais como a China, poida levar o mundo para unha nova orde multipolar e multilateral. 

Por último, condenamos a perigosa estratexia de avivar tensións e sementar guerras levada adiante polos gobernos dos Estados Unidos e da Unión Europea e a OTAN, non só no leste de Europa como tamén no norte de África e en Oriente Medio; así como as tentativas de militarización da Europa. A política do estado español neste escenario, enviando equipamento e persoal militar ao Mar Negro sen o mínimo control democrático nas suas propias institucións, é particularmente reprobábel e debe ser revertida inmediatamente. Ademais, chamamos a atención para o feito de que o pobo galego, que se ten manifestado repetidamente contra as guerras e o imperialismo, se vexa arrastrado por esta submisión total aos intereses das potencias da OTAN.

Non é posíbel pensar nun mundo en paz mentres exista unha estrutura político-militar como a OTAN, que funciona como o brazo armado do imperialismo e que impede, pola vía da ameaza ou a agresión directa, o desenvolvemento político e económico soberano dos pobos do planeta.

Fronte a todo isto, insistimos nunha resolución pacífica realista e factível, que recupere o papel da diplomacia. Este papel só será posíbel se as potencias occidentais renuncian a continuar expandindo a OTAN, e se se ten en conta a vontade expresada polos pobos de Donetsk e Lugansk. Por último, exiximos ao estado español unha política de neutralidade activa e, en consecuencia, a retirada de tropas e equipos de guerra que mantén despregadas na rexión.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista