#GalizaConCatalunya

Autodeterminación non é delito

Este sábado, 16 de Marzo, diferentes organizacións que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya conformamos a comitiva galega que se deslocou a Madrid para participar na manifestación internacional promovida polas organizacións soberanistas catalás ANC e Òmnium Cultural baixo o lema A autodeterminación non é delito. Democracia é decidir. Participaba tamén desta comitiva a comunidade galega emigrada en Madrid, organizada á volta de Fenda – Embaixada Popular Galega. E fixémolo xunto con compañeiras e compañeiros procedentes doutras nacións sen Estado, en particular de Euskal Herria e Andalucía, e tamén coa presenza do pobo madrileño consciente dos graves défices democráticos do Estado español.

Estivemos en Madrid por solidariedade co pobo catalán, agredido o 1 de Outubro de 2017 e que agora asiste a un xuízo farsa contra dirixentes políticos e líderes sociais que fixeron posíbel o maior acto de desobediencia civil colectiva da historia de Europa. Mais tamén estivemos pola nosa propia causa, que é tamén a causa da liberdade do pobo galego. A causa da soberanía e do poder popular.

No total, máis de 100.000 persoas participamos neste encontro levando a voz de moitas máis que non puideron estar, e tamén a das presas e presos políticos nos cárceres españois, para lle dicir ao Estado que as liberadades colectivas e os dereitos dos pobos existen e deben ser respectados, e que as nacións temos dereito á autodeterminación, a decidir libremente o noso futuro, a celebrar os referendos que considerarmos e a que non persigan, encarceren ou obriguen a se exiliar ás persoas que participan ou eventualmente lideran os nosos procesos políticos.

Vídeo-resumo da xornada de Galiza Contrainfo