Palestra en Vigo

O auxe do fascismo en Europa

Imaxes de Rubens Rocha

Ao igual que no acto da mesma temática realizado en Pontevedra en xaneiro, en Vigo encheuse o pasado 26 de marzo a Libraría Cartabón para asistir á charla-coloquio “O auxe do fascismo en Europa”.

Con este acto queríamos achegarnos desde unha visión internacionalista e global a un fenómeno cada vez máis presente na maioría de pobos de Europa (mais non só): a progresiva implantación no panorama mediático, político e social de diversos movementos e partidos ultrarreaccionarios e baseados nun discurso de odio contra determinados sectores sociais, que moitas veces se presentan con mensaxes ou formas aparentemente anti-sistema, mais que son plenamente funcionais a el.

Facendo un percorrido por diferentes pobos de Europa, analizáronse tanto as liñas comúns deste tipo de forzas canto ás diferenzas entre eles a respecto da súa configuración, traxectoria, discurso e formas de intervención. Así, tratáronse desde fenómenos de tipo abertamente neonazi e paramilitar como Aurora Dourada en Grecia até outros de perfil máis institucional e mesmo de goberno, como a Lega de Salvini, diseccionando os seus discursos, alianzas, e métodos de implantación.

Entre os diferentes casos analizados, tratouse pola súa relevancia o da Ucrania, que exemplifica perfectamente a hipocrisía de moitos gobernos occidentais que din querer evitar a emerxencia da extrema-dereita ao tempo que promoveron, financiaron e lexitimaron o golpe de estado naquel país onde foron precisamente as forzas fascistas as que exerceron o papel de grupos de choque para o éxito do mesmo, en paralelo á persecución das forzas de esquerda. Igualmente lembrouse a masacre de Odessa por parte de grupos fascistas ou a forma en que, no marco da guerra contra o Donbass, grupos paramilitares abertamente nazis están a ser fortemente armados e financiados.

Após tratar exemplos dunha ducia de países do continente, falouse da especificidade do Estado Español, con un rexime directamente herdado dun fascismo co que non houbo nengún tipo de ruptura real. En particular, chamouse a atención sobre o feito de que, pese a que a emerxencia dun fenómeno homologábel ao resto da extrema-dereita europea tardou máis en aparecer, a súa normalización e promoción no panorama político foi moito máis rápida que en ningún outro lugar, o que entre outras cousas demostrou a existencia dun caldo de cultivo xerado desde hai tempo. Nesta liña, destacouse como o reforzamento do discurso españolista en reacción ao proceso soberanista catalán foi o principal catalizador e lexitimador deste fenómeno no Estado.

O remate da palestra, e sobre todo no coloquio final -moi participativo- centrouse nas posíbeis formas de combate deste tipo de discursos en diferentes ámbitos, e sobre todo a necesidade de actuar habilmente e aprendendo de outras experiencias para saber como enfrentalo, evitando o risco de alimentalo involuntariamente. Así, falouse do papel da organización social e de base ou de cuestións máis específicas como a función do ensino, da batalla comunicativa ou do papel das ferramentas electorais.

En conclusión, pensamos que espazos como este son moi necesarios, pois funcionan como ponto de encontro, información, debate e posta en común para, neste caso partindo da experiencia doutros pobos, entender as orixes e características este tipo de ameazas fascistas e saber como combatelas de forma máis efectiva.