COMUNICADO DE MAR DE LUMES

Solidariedade galega coa República Bolivariana de Venezuela e en apoio do seu Presidente lexítimo, Nicolás Maduro.

Perante a situación de extrema gravidade a que hoxe foi sometida a República Bolivariana de Venezuela, desde Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, expresamos o noso apoio incondicional á Revolución Bolivariana e exiximos respeito á soberanía dos povos e ao seu dereito de autodeterminación.

A partir desta premisa esencial, que tamén o é do Dereito Internacional, denunciamos o intento da oposición política venezuelana de proclamar un dos seus representantes, Juan Guaidó, como Presidente interino do país. E denunciamos tamén a política irresponsábel dos gobernos que, após semanas a alentar o golpe de Estado no país, hoxe se apresaron a recoñecer un presidente ilexítimo, non eleito, e ao servizo de intereses espúreos e estranxeiros, en particular dos Estados Unidos e dos conformantes do Grupo de Lima.

Somos conscientes de que a Venezuela enfrenta problemas sociais, económicos e políticos. Ningún país do mundo está libre deles. Mais tamén somos conscientes de que a mobilización violenta, a reedición das guarimbas e os chamados da oposición ao caos e a descoñecer o goberno do Presidente Nicolás Maduro — que son unha reedición dos penosos momentos que xa vivimos en anos anteriores — non responden a eses problemas, senón á necesidade do grande capital de se apoderar dos recursos e as riquezas que a Revolución está a pór nas mans do povo venezuelano. Por outras palabras: á necesidade do grande capital de eliminar obstáculos ao seu lucro.

O resultado das inxerencias estranxeiras na América Latina xa o coñecemos. O regueiro de morte e destrución sementado polo imperialismo nese continente e en cada parte do planeta tamén. A escusa de democratizar tampouco é nova. Mais non por iso deixa de ser unha escusa. Nen Trump, nen antes Obama, nen antes Bush se preocuparon pola democracia. A guerra económica, os bloqueos, as sancións unilaterais, as declaracións de “ameaza para a seguranza nacional”, e a guerra mediática non son ingredientes para a democracia, nen para a paz. Mais si que son accións coerentes coa escalada de agresións que a República Bolivariana da Venezuela ven sofrendo nos últimos anos, e que son cada vez máis fortes, menos fundamentadas e de consecuencias máis imprevisíbeis e dramáticas.

Por último, saudamos a resposta do povo venezuelano, que en medio a toda esta situación e ás provocacións saiu ás rúas para exixir o fin dos intentos de desestabilización e para expresar o seu apoio ás institucións democraticamente eleitas; e parabenizamos a unión cívico-militar e os seus apelos á paz e á normalización da vida política do país.

Galiza,
23 de Xaneiro de 2019.