Iemen, outra acción imperialista silenciada

Iemen, ao contrario do que outros Estados do Oriente Medio, non é un país que costume aparecer nos medios de comunicación occidentais. Nen sequera agora, cando o povo iemenita está a ser bombardeado por unha coalición encabezada por Arabia Saudita — unha monarquía amiga de occidente que é algo así como o Estado Islámico con recoñecemento internacional — co apoio do Exipto, Kuwait, Bahrein, Catar, Xordania, os Emiratos Árabes Unidos e Marrocos e a complicidade de Estados Unidos, Reino Unido ou Israel. Iemen é, para occidente, case un Estado fantasma, incorpóreo, que existe apenas nos mapas e nas enciclopedias, á marxe dos grandes temas. E, sen embargo, os bombardeos contra a povoación son reais, o estratéxico estreito de Bab el-Mandeb é real, e o intereses de quen se beneficia coa desestabilización da rexión son tamén moi reais.

Nos poucos medios nos que ten aparecido a noticia dos bombardeos sauditas sobre o Iemen, a situación é apresentada como se se tratase apenas dunha disputa (outra máis) entre, por unha parte, sunitas partidarios do até agora presidente Abd Rabbuh Mansur al-Hadi e, por outra, xiítas partidarios do insurxente Mohamed Ali al-Huti (xiíta zaidita). Caracterizar os conflitos políticos como se fosen puras controversias relixiosas que se solucionan a tiros non é casual e axuda a coller distancia sobre o que na realidade é unha agresión imperialista, outra guerra mais provocada desde o exterior por intereses alleos ao pobo. A realidade, como é habitual, e aínda existindo o conflito sunita/xiíta, ten pouco a ver con isto e é inmensamente máis complexa.

Poden rastrexarse aínda algunhas evidencias que apontan no sentido correcto, alén das mistificacións da axenda pró-ocidental dos grandes medios de comunicación. En primeiro lugar, resulta tremendamente elocuente que o presidente deposto, al-Hadi, teña fuxido da súa prisión domiciliaria precisamente para Riad, a capital da Arabia Saudita, o estado que dirixe os bombardeamentos. Resulta cando menos estraño que un presidente que pretende ser reposto permaneza protexido polo estado agresor que dirixe os bombardeamentos indiscriminados onde non se distingue entre obxectivos militares e civís.

En segundo lugar, non cabe dúbida de que as operacións militares que baixo o nome de Tormenta Definitiva están a dirixir as monarquías do Golfo, Exipto e Marrocos co obxectivo de devolver o goberno a al-Hadi, son a principal maneira de revolver as augas dunha rexión particularmente inestábel. Isto, combinado co exército mediático que traballa para asociar o goberno do Irán coa insurxencia hutí, deixa un escenario onde, sen probas, o Irán é o principal damnificado despois do povo iemenita, que é quen sofre os bombardeos e que contabiliza máis de 3.000 vítimas mortais desde que se iniciaron os ataques.

Os bombardeamentos estanse a producir en zonas densamente poboadas.

En terceiro lugar, tampouco caben dúbidas sobre a participación directa da intelixencia estadounidense, non só armando a Arabia Saudita con bombas de fragmentación (prohibidas nos tratados internacionais) en troca de acordos petrolíferos e influencia xeoestratéxica, senón tamén ofrecendo apoio político á agresión militar en curso. Unha agresión que é, a todos os efectos, unha guerra proxy, isto é, unha guerra subsidiaria na que outros países poñen as armas, os soldados e as vítimas, e os lobbies do centro do sistema se encargan de apañar os beneficios.

Sobre o terreo o que se chamaba rebeldes huties tense convertido nunha alianza co exército iemení mais sectores populares que van desde partidos, organizacións sociais e sindicais a tribus e grupos relixiosos opostos ao jihadismo, no que ten mais a ver cunha revolta popular que cun alzamento por diferenzas relixiosas. Este organismo, denominado Alto Consello Popular para a Mobilización Xeral, ten o obxectivo de unir o país frente a agresión imperialista e o jihadismo, presente e tolerado polo goberno anterior de al-Hadi e por occidente. É precisamente o rexeitamento a converter Iemen nunha retagarda do Al-Qaeda e o Estado Islámico para as súas accións militares en Siria o Iraque a que ten visos de ser a causa principal e o verdadeiro detonante da revolta.

A posíbel derrota militar saudita e aínda máis, o paso de soldados iemenitas para o norte da fronteira, tería aberto novamente, segundo varios analistas, a espita ao apoio de al-Qaeda, que controlaba xa diversas zonas do Iemen no inicio das operacións. Unha situación que, de se confirmar, evidenciaría mais unha vez as ligazóns dos Estados Unidos co jihadismo que asegura estar a combater. A negativa de al-Hadi a saír da Arabia Saudita para unha negociación nun país neutral, os bombardeos sobre infraestruturas vitais e aeroportos para impedir a chegada de axuda humanitaria ao Iemen (coa FAO a cifrar en 15 millóns o número de persoas en situación de “inseguranza alimentar”) e a negativa de Washington a perder a oportunidade de involucrar o Irán custe o que custar tampouco parece xogar a favor da resolución pacífica dun conflito que, a cada día que pasa, se demostra menos local e mais imperialista.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista