Un home da vila de Neguá, na costa de Colombia, puido subir ao alto ceo. Á volta, contou. Dixo que contemplara, de alá no alto, a vida humana. E dixo que somos un mar de pequenos lumes.

— O mundo é iso —revelou—. Unha morea de xente, un mar de pequenos lumes.

Cada persoa brilla con luz propria entre todas as demais. Non hai dous lumes iguais. Hai lumes grandes e lumes miúdos e lumes de todas as cores. Hai xente de lume sereno, que nen se inteira do vento, e xente de lume tolo, que enche o ar de faíscas. Algúns lumes, lumes bobos, nen alumean nen queiman, mais outros prenden a vida con tantas ganas que non se lles pode mirar sen palpebrexar, e quen se achega, encéndese.

— EDUARDO GALEANO (O MUNDO)

Manifesto por un Mar de Lumes

  1. Cada vez é máis difícil vermos con claridade no mundo, mesmo para os que máis teimamos en mirar, con moita atención. Un ar tépedo e negrusco chega dos depósitos de petróleo expoliados no Oriente Medio, dos barcos, avións, estradas, camiños de ferro polos que os povos do mundo continúan a render tributo aos imperios. Os povos somos apenas pezas rotas dun quebra-cabezas que manexan mans alleas, nun xogo con regras trampeadas e no que sempre gañan os mesmos. A guerra contra a humanidade é unha guerra contra a razón, que apaga pouco a pouco pequenos lumes en todo o mundo.

  2. Palpebrexar é acender os lumes. Unir as pezas, reconstruir o puzzle. A solidariedade antes era unha mostra de xenerosidade; hoxe é unha necesidade. Se onte era un deber loitar contra a lóxica imperial, hoxe é unha cuestión de supervivencia: local, nacional, rexional, continental e mundial. Tres campos fundamentais chaman a nosa atención:

    • A constelación de movimentos sociais, revolucións, saltos e transformacións que nos chegan da América Latina; a América de veas ensanguentadas que arrasaron os imperialismos hispano e portugués; a América que nos ensina leccións a nós, invisíbeis neste curruncho de Europa, e que algún día fará fronte ao veciño abusón que teñen no norte, que sempre se creu con dereito a estender o seu patio;

    • O mundo árabe e islámico, espazo sulcado polo colonialismo europeo durante anos, criminalizado pola prensa occidental e que debe exercer a súa propia voz e a súa resistencia; todos os povos do mundo temos unha débeda pendente cos povos palestino e saariano, mais tamén co iraquí, afgano, libio ou sirio entre outros,  agredidos con saña por un imperialismo insaciábel;

    • E finalmente esa outra Europa que nos furtan os meios de desinformación masiva; temos moitos nomes para vestila lentamente a esta outra Europa tan descoñecida, para enchela de prendas humildes pero orgullosas: a dos povos, a dos movimentos sociais, dos traballadores, da mocidade e das mulleres. Nomeadamente os novos povos que pretenden ser soberanos: a Irlanda, a Bretaña, os Países Cataláns, a Córsega, a Occitania, Euskal Herria, e tamén o noso, a Galiza.

  3. Unha nación invisíbel tamén é unha nación imposíbel. Vivemos nun pequeno país atlántico, de historia, cultura e lingua milenarias, que é invisíbel no mundo. Pero para chegar á idea de invisibilidade hai que recoñecer a existencia do visíbel. Para falar da Galiza invisíbel hai que pensar nunha Galiza visíbel.

  4. Pedírannos madurez, resignación, conformismo ou rendición. Pero todo isto xa o escoitamos moitas veces. Nós imos falar de liberdade, de memoria e de futuro; imos construír, no océano da asfixia, unha pequena illa de dignidade, unha minúscula Cuba de inconformistas.

  5. Non imos construír outra pirámide. Construímos de abaixo para acima a democracia participativa que non se subsitúe por spots publicitarios, pola tiranía das marcas e o consumo.

Para avanzar, en diagonal, en zigue-zague, pero sen intermitencias. Colabora, contribúe, achégate a este pequeno Mar de Lumes. E que prenda o mundo!

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email
Share on print