Principios

Combate ao imperialismo

Rexeitamos e denunciamos a inxerencia estranxeira, quer en forma de guerra quer a través doutros medios, menos visíbeis e espectaculares, mais igualmente daniños para os intereses dos pobos intervidos. Rexeitamos, por tanto, todos os mecanismos polos cales o imperialismo é exercido: da OTAN até o FMI, o Banco Mundial, ou aquelas institucións que, disfrazadas de organización solidarias ou para o desenvolvemento, empreguen a falsa solidariedade como elemento lexitimador dos seus verdadeiros obxectivos inxerencistas. No conflito entre o imperialismo contra os pobos invadidos, nós sempre estaremos cos pobos. Cos pobos iraquiano, afgano, libio, sirio, co conxunto dos pobos da América do Sul que decidiron deixar de ser o patio traseiro dos Estados Unidos e da Europa, e con calquera outro agredido polo capitalismo imperialista. Aquí estamos.

Partindo das diferenzas entre autodeterminación, independencia e soberanía e do recoñecemento de que cada pobo ten dereito á súa soberanía plena, apoiamos todos os procesos soberanistas das nacións sen Estado no mundo, de África a Asia e Oceanía; de América a Europa. No conflito entre os respectivos Estados e os pobos que procuran a súa soberanía, nós sempre estaremos cos pobos. Con Palestina, co Curdistán, co Saara, co Wallmapu, co Quebeque, con Euskal Herria, coa Cataluña, coa Escocia, coa Bretaña, coa Córsega, coa Occitania e con tantos outros. Aquí estamos.

Apoio aos procesos de emancipación

Internacionalización
do conflito nacional galego

Somos unha organización galega de solidariedade. A nosa concepción de solidariedade exércese horizontalmente, dun suxeito político a outro. Requere, portanto, correspondencia e diálogo. A proxección da causa da Galiza como nación negada polo Estado español é o terceiro ponto de apoio esencial da nosa organización. Porque é o feito de sermos un país espoliado e intervido o que nos dá o particular ponto de vista necesario para comprendermos en toda a súa dimensión a necesidade de tecermos redes solidarias e de explicarmos ao mundo que existimos, que non queremos continuar invisibilizados. Aquí estamos.