Continuamos a aprender e a debater sobre actualidade e futuro de Cuba

Continuando coa xeira de actividades que desde Mar de Lumes estamos a promover para difundir a actualidade de Cuba despois dos anuncios sobre estabelecemento de conversas entre Cuba e os Estados Unidos, onte, 8 de abril, tivemos a ocasión de debater e aprender sobre a realidade do país caribeño nun novo acto co-organizado coa Liga Estudantil Galega na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Compostela.

Máis de 130 persoas ocuparon unha sala preparada para unhas 80 durante o tempo que durou a exposición do Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, José Antonio Solana, e máis a quenda de intervencións, preguntas e comentarios que se alongou durante aproximadamente unha hora con achegas interesantes da parte dos asistentes.

Houbo, portanto, ocasión de contextualizar adecuadamente a retomada das conversas bilaterais, lembrando o episodio da liberación dos últimos membros presos dos 5 Heroes Cubanos, e para falar da continuidade e aprofundamento do proceso revolucionario en Cuba co debate popular dos liñamentos para os vindeiros anos. Dous temas de especial interese tendo en conta como se terxiversa a información sobre o primeiro e como se oculta, directamente, o segundo na axenda dos grandes medios de comunicación.

Os próximos tempos son, para Cuba, un novo desafío e unha grande oportunidade. Así o entendemos en Mar de Lumes e é por iso que consideramos esencial continuar na liña expositiva e argumental con novas actividades no futuro.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista