Paremos a invasión turca de Afrin!

Concentración contra a invasión turca de Afrin en Vigo

Compartimos convosco o vídeo da concentración celebrada este mércores diante do Marco (Vigo) en oposición á invasión turca de Afrín. Esta concentración convocada por Mar de Lumes foi apoiada por 13 colectivos, asociacións e organizacións da comarca. #ImperialismofóradeSiria

Publicada por Mar de Lumes en Jueves, 22 de marzo de 2018

Desde o pasado 20 de xaneiro, o estado turco, con toda a potencia militar do segundo maior exército da OTAN e da man de miles de mercenarios islamistas fortemente armados, está a bombardear masivamente e a ocupar a rexión de Afrin (ao noroeste de Siria), para dar continuidade tamén fóra das súas fronteiras á política de limpeza étnica contra o pobo curdo que practica desde hai décadas.

Como consecuencia desta ofensiva imperialista xa houbo centos de víctimas mortais, a maioría civís, miles de persoas feridas e centos de miles tiveron que fuxir das súas casas. Afrin era unha das poucas zonas de Siria que viviu unha relativa tranquilidade desde o comezo da guerra, o que lle permitiu acoller a centos de miles de persoas refuxiadas doutras zonas de Siria que agora están de novo ameazadas por este ataque.

O ataque das tropas de Erdoğan e as bandas islamistas ao seu servizo pretende reforzar o debilitado papel turco na crise Siria, na que desde o comezo foi un dos principais patrocinadores do terrorismo, apoiando o ISIS, Al Qaeda e outros grupos integristas como os que agora utiliza na súa nova guerra de ocupación. Ademais, a ofensiva tenta tamén acabar con un proxecto sociopolítico emancipador que supuxo o recoñecemento da igualdade de dereitos dos diferentes pobos e comunidades relixiosas que conviven no norte de Siria (curdos, árabes, turcomanos, asírios, musulmáns, cristiáns, iazidis, etc.)

En particular, preténdese acabar co proceso de emancipación das mulleres que avanzou imparábel a todos os niveis nos últimos anos. Boa mostra disto son os miles de mulleres que, a pesar das bombas e as ameazas, saíron á rúa na cidade de Afrin neste 8 de marzo, ou a gran cantidade de milicianas que están a facer frente á ocupación. O omnipresente berro de “Jin – Jiyan – Azadi” (“muller – vida – liberdade”) é o mellor antídoto contra o proxecto de morte, patriarcado e escravitude que o ataque imperialista pretende imporlles.

Ante isto, as potencias internacionais e os diversos actores rexionais colaboran ou consinten sen rubor na ocupación dun país soberano por parte dun destacado membro da OTAN e aliado estratéxico da UE, institución que unha vez máis se situa do lado dos inimigos dos pobos.

O pasado 10 de febreiro, soubemos que o voluntario galego Samuel Prada León (alias “Baran Galicia”) morría como consecuencia dun bombardeo turco. Viaxara a Siria para loitar contra o Estado Islámico e agora estaba apoiando a resistencia curda contra a invasión turca e islamista.

Na súa memoria e na de todas as víctimas da barbarie terrorista que segue a golpear o pobo curdo e a todos os demais pobos de Siria, xuntámonos hoxe aquí para denunciar este ataque e os seus cómplices, entre eles o Estado Español, e reafirmamos a nosa solidariedade internacionalista coa resistencia que lle fai fronte e que sabemos que, tarde ou cedo, acabará por vencer.

Abaixo o imperialismo! Viva a loita dos pobos!

2018-05-03T17:13:30+00:00