Nos últimos días continúan a producirse mostras de solidariedade desde a Galiza para Palestina. O horizonte de negociacións e a posíbel retirada das tropas israelitas de Gaza era aínda un escenario pouco claro que, en todo caso, non impediu continuidade do problema, que é a ocupación criminal do territorio palestiniano, nen que esta madrugada do 10 de agosto, Israel teña decidido, de novo de xeito unilateral, reiniciar os ataques, causando máis morte e mais dor.
Máis de 2.000 persoas mortas e máis de 10.000 feridas, milleiros de predios e moradas destruídas, infraestruturas vitais estragadas e ruínas por toda a parte é o saldo provisional da salvaxe operación Bordo Protector que o Estado sionista practica contra Gaza desde o 8 de xullo en represalia polo acordo político entre Hamas e Fatah para atinxir un goberno de unidade nacional na Palestina.
Á concentración de solidariedade galego-portuguesa que ocupou a ponte entre Monção e Salvaterra o día 4 de agosto, convocada por organizacións solidarias galegas e portuguesas, e ás ás concentracións simbólicas que a comunidade palestiniana organizou o día 7 simultaneamente en Vigo, Ourense e Compostela, onde Sami Ashour leu algúns dos nomes das máis de 400 crianzas asasinadas, somáronse outros actos como a concentración de Moaña organizada polas Asociacións de Amizade e Solidariedade e por Mar de Lumes, coa participación de membros da Xudeus antisionistas, que caracterizaron o sionismo como unha ideoloxía racista.