Unha semana de actos de apoio a Catalunya

O proceso soberanista en Catalunya está a chegar a un dos seus días chave: o 9 de novembro. En apoio do povo catalán, desde Mar de Lumes vimos desenvolvendo unha intensa campaña de actividades de socialización da idea democrática de soberanía, conxuntamente coa Assemblea Nacional Catalana en Galiza e con outras organizacións.

Alén dos actos xa celebrados, para os vindeiros días 4, 5 e 7 de novembro participaremos en novas actividades. A primeira delas, o día 4, consistirá nun Videoforo coa exhibición do documentario Adeu, Espanya? (Dolors Genovès, 2010) e nun coloquio con Carme Garcia e Xavier Coma. Será no refectorio do Museo Provincial de Lugo (pza. da Soidade) ás 20h00 do día 4.

O mesmo formato terá o Videoforo que celebraremos no Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña), a partir das 20h00 do día 5, coa participación de Xavier Coma e Pere Tobaruela.

Por último, o día 7, participaremos, desta volta como convidados, no acto que o C.S. Gentalha do Pichel organiza a partir das 20h00 coa proxección do documentario Història d’un futur (Marc Clarió, 2014), e no que haberá tamén petiscos e música catalá e ainda un referendo sobre o futuro lúdico político da Galiza.

En todos estes actos estaremos denunciando, como é lóxico, a negación do Estado español a asumir a vontade democrática do povo catalán de romper a súa relación de dependencia a respeito do proxecto uniformizador español, e confirmando, ao mesmo tempo, que o futuro é dos povos que se organizan e loitan para avanzar.

ACTUALIZACIÓN: Velaquí o resumo das tres actividades da “semana catalá”.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista