Venezuela é a esperanza dos povos – Comunicado de Mar de Lumes

O 9 de marzo, o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama enviou unha carta ao Congreso do seu país na que anunciaba a aplicación da lei estadounidense de facultades económicas para casos de emerxencia internacional, asegurando que o proceso bolivariano en curso na Venezuela representaba, textualmente, unha «inusual e extraordinaria ameaza á seguranza nacional e á política exterior dos Estados Unidos». Non é a primeira vez que os Estados Unidos operan deste xeito. Tampouco é a primeira vez que o fai Obama, ridiculamente recoñecido co premio Nobel da Paz, como se pode comprobar no caso da Siria ou de Irán — países ambos contrarios, como a Venezuela, á unipolaridade global e á hexemonía de Washington e do seu bloco imperialista.

Mais a iniciativa da presidencia dos Estados Unidos non fica só na xa por si máis do que dubidosa lexitimidade para sancionar funcionarios estranxeiros que non deben calquera tipo de submisión ou obrigación ao goberno norteamericano, senón exclusivamente á Constitución venezuelana. Non fica aí porque se ten demostrado, noutras ocasións, como prerrequisito e paso previo a unha serie de accións de ataque que van moito alén das palabras: bloqueos económicos, sancións, confiscacións e, en caso de necesidade, mesmo agresión militar directa. Medidas todas elas que producen prexuízos, dor, e até morte.

Fracasado o particular modus operandi do “golpe de Estado continuado” que procuraba a desestabilización do goberno lexítimo por medio de violencia de rúa, guarimbas e acusacións falsas — e no que xogaron e xogan un papel fundamental os medios de comunicación internacionais como claros mercenarios ao servizo do imperialismo — e fracasado tamén o intento de golpe de Estado convencional que pretendía asasinar o presidente eleito Nicolás Maduro, así como atacar instalacións do goberno e da emisora TeleSur; aos Estados Unidos e aos seus parceiros europeos só lles resta a declaración fáctica de guerra que veñen de facer, aínda cando non sexa formal nen oficial.

Venezuela, porén, é un pobo de paz. Así o lembraba o Presidente Maduro nunha carta aberta dirixida ao pobo dos Estados Unidos: “En dous séculos de independencia, nunca atacamos outra nación. Somos un povo que vive nunha rexión de paz, libre de armas de destrucion maciza […] Defendemos o respeito á lei internacional e á soberanía de todos os povos do mundo”. Non poden dicer o mesmo os Estados Unidos, tristemente. O seu historial é un regueiro interminábel de sangue: ocupacións, guerras, magnicidios, bloqueos económicos e terrorismo exercido através de organizacións fantasma, sempre coa escusa da liberdade e da autodefensa, mais sempre co obxectivo real de se apoderar de recursos estratéxicos necesarios para o modo de vida irracional do mundo rico, ou de colocar gobernos títeres que permitan ameazar axentes maiores opostos á súa a hexemonía. Unha hexemonía, en resumo, que levan décadas a impor polas armas, e que agora pasa por submeter Venezuela e terminar coa Revolución Bolivariana.

Diante disto, a Venezuela non está soa. O inmenso traballo pola integración da América Latina e do Caribe fronte ao bloque dirixido por Washington que tiña impulsionado de forma excepcional o Presidente Hugo Chávez é hoxe unha realidade cohesa e firme, que continúa a se fortalecer e se facer máis profunda da man dun liderado partillado con outras nacións sudamericanas e do Caribe. Demóstrano as declaracións e chamamentos á paz e contra as ameazas norteamericanas feitas desde organismos como a ALBA-TCP, UNASUR e a CELAC e, singularmente, desde cada un dos Estados que as conforman e que cobren todo o hemisferio da Nosa América.

Tampouco está soa Venezuela alén da América. Por todo o mundo — tamén no noso país —, organizacións e persoas están a se unir nunha exixencia unánime: que a Venezuela debe ser respeitada. É por iso que, de Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, aderimos a esta maré inmensa de solidariedade que avanza e exixe Paz. E non unha paz en abstracto, senón unha Paz firme e douradoura, que só pode ser atinxida cumprindo cada unha das condicións que a tornan factíbel, a comezar polo respeito absoluto á soberanía dos povos e polo fin do bloque imperialista e de todas as súas accións en todos os recunchos do planeta. Como dixo Simón Bolívar:

“Independencia ou nada”!

Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Galiza, 19 de marzo de 2015

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista