O PKK, Partido dos Traballadores do Curdistán e principal suporte das milicias curdas (HPG – Forzas de Defensa do Povo) en toda a rexión, acusou Turquía de “agresión de guerra” e deu así por finalizada a tregua que mantiña precisamente co Estado turco desde 2012, que era en troca dunha democratización e duns avances nas relacións turco-curdas que nunca se verificaron. Ao contrario, nestes últimos bombardeos, resultou morto un dos combatentes curdos, Onder Aslan, e outras tres persoas resultaron feridas.
Novamente, esta acción demostra que o Curdistán xamais atopará no Estado turco un aliado, nen aínda en condicións onde, segundo Ankara asegura, partillan inimigo e a ameaza é inminente. Mais o Curdistán non está só. A solidariedade, exercida desde todos os recunchos do planeta, tanto por persoas a nivel individual como colectivamente en organizacións de solidariedade como Mar de Lumes, xoga un papel: espallar a realidade dun conflito onde o Daesh non é o que nos contan os grandes medios de comunicación, e onde o povo curdo loita por exercer o seu dereito a vivir libre e en paz.