Non ao golpe de Estado no Brasil!

O Brasil está a vivir un golpe de Estado con todas as letras. Pode que non saísen os tanques ás rúas nen se observe violencia política directa — como tristemente estamos afeitos a ver na maioría dos casos de golpes deste tipo — mais o certo é que un cambio así no modus operandi tampouco impide definir a situación como o que é: un golpe contra o goberno eleito e, especificamente, contra a presidente Dilma Rousseff, que vén de ser destituída e substituída por políticos corruptos (varios deles, condenados) ao servizo dos intereses do capitalismo internacional.

Non só se trata, pois, dun golpe de Estado. Trátase dun ataque imperialista, que, cunha dinámica diferente á de Honduras, Paraguai, Arxentina ou a Venezuela, responde no fondo ao mesmo obxectivo: paralisar a segunda independencia dos pobos da América do sul, arruinar os avanzos  no proceso de integración latinoamericana e as orientacións antiimperialistas dos gobernos progresistas do subcontinente e converter a América Latina, de novo, no quintal traseiro dos Estados Unidos.

De todo isto, e das dinámicas internas presentes no caso concreto do Brasil, cunha dereita ultraconservadora que reacciona con racismo, machismo e clasismo ao continuo empoderamento das camadas populares desde o goberno de Lula, falamos este 3 de xuño con Jakson Renner, activista de Brasilegos Contra o Golpe, na libraría de mulleres Lila de Lilith.