Contra o imperialismo e as revolucións de cores

Espallar dúbidas sobre o proceso electoral en curso, instalar un clima de desconfianza a través das pancas mediáticas e das ONG e inmediatamente depois, diante dun resultado diverxente coa expectativa xerada, reclamar que se trata dunha fraude electoral.

Estes son os mecanismos básicos do que se coñece como unha «revolución de cores». Trátase dun proceso de golpe brando que visa unha mudanza de rexime nun terceiro país sen unha intervención militar, pero co obxectivo, sempre, de afortalar as posicións do imperialismo no taboleiro xeopolítico global.

O día 9 de Agosto celebrábanse eleccións na Bielorrusia nun clima de tensión, coas grandes corporacións mediáticas somerxidas nese proceso de impugnar o resultado de forma antecipada. O momento escollido para este intento de golpe brando non é casual. As relacións entre o goberno de Aleksander Lukashenko e o da Federación Rusa non pasan polo mellor momento, ante a política de xestos de achegamento a Occidente que viña mantendo o presidente bielorruso.

O resultado deu un 79.7% dos votos a Lukashenko, fronte a un 6.8% á demandante opositora Svetlana Tikhanovskaya. A oposición e os grupos mediáticos occidentais descoñeceron os resultados, sendo que tamén o relato dos medios rusos cuestiona a figura do actual presidente, aínda que por motivos distintos. Tikhanovskaya, esposa dun opositor encarcerado baixo acusacións de golpismo, fai chamados aos manifestantes desde Lituania para derrubar Lukashenko. Medios vinculados á CIA como Radio Free Europe posicionan a «revolución das zapatillas» como nome de mercado do caos que se tenta xerar nas rúas de Minsk e outras cidades. Singularmente, eses medios e todos os que deles beben chaman a atención para excesos policiais diante dos protestos animados desde o exterior do país, sen importar se eses protestos adquiren tons violentos e acaban en destrución de bens públicos. Tampouco demostran o menor rubor despois de ter ollado para outra parte ante as millares de detencións na Franza durante a crise dos chalecos amarelos, ante a militarización nos Estados Unidos polas mobilizacións desencadeadas despois asasinato de George Floyd, ou ante as actuacións policiais e xudiciais disparatadas no propio Estado español, que tan ben coñecemos.

Por trás de toda a retórica e dos seus silencios, porén, a axenda opositora énos ben coñecida: privatizacións en masa, entrega da soberanía nacional e integración do país en estruturas occidentais (OTAN, UE) de marcadas políticas anti-rusas. Nas súas mobilizacións, a oposición mesmo emprega a bandeira que utilizaron os colaboracionistas bielorrusos do nazismo, que visan oficializar como bandeira nacional. Teñen en Tikhanovskaya a súa Juan Guaidó, e nas ONG imperialistas as xeradoras dun relato maidanesco para lexitimar a axenda privatizadora.

Non é o noso papel xulgar o goberno bielorruso nin nengún outro, pois acreditamos firmemente en que son os povos os que deben escoller os seus camiños no exercicio da súa soberanía. E neste caso, a defensa da soberanía nacional é o contrario de lexitimar a descarada inxerencia dos EUA e da UE. Somos antiimperialistas e consideramos o imperialismo como o maior inimigo que a humanidade enfronta. E entendemos que o cuestionamento da súa hexemonía e a agudización das contradicións á súa volta abren o marco para a posibilidade de mudanzas revolucionarias.

Por tanto, do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes, só podemos opornos a este Maidan reciclado que nos tratan de vender como a última epopeia pola democracia. Defendemos a soberanía da Bielorrusia e estamos contra todo fortalecemento do sistema imperialista. Asumimos as contradicións e priorizámolas.

Contra o imperialismo e as revolucións de cores. Non pasarán!

Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista