#Kurdistan

«Kurdistan: a guerra das mulleres»

Imaxes do visionado do documentario. Clica para alargar.
40 persoas asistiron na Coruña á proxección de «Kurdistán, a guerra das mulleres» que, conxuntamente coa Marcha Mundial das Mulleres, organizamos o pasado 12 de decembro no Centro Social A Comuna.
Con este acto quixemos dar a coñecer o papel central das mulleres no movemento de liberación kurdo, por medio dun documentario que recolle desde as orixes do mesmo até os avances conseguidos nos últimos anos, transitando por diferentes localizacións con presenza curda como Dersim, Qandil, Sinjar, Makhmour ou Rojava. Nel ponse en valor a permanente loita pola emancipación e o empoderamento das mulleres en todos os espazos (sociais, institucionais ou militares), en plena guerra contra Turquía e o Estado Islámico, e destácase o papel de figuras como Sakine Cansız, unha das fundadoras do PKK e impulsora das primeiras milicias femininas, que foi asasinada en París por mercenarios ao servizo do estado turco en 2013.
No debate posterior xurdiron diversos temas de interese, como a situación de Öcalan (preso e illado en Turquía desde hai case 20 anos) e a súa evolución ideolóxica; os avances e retrocesos mais recentes na loita kurda, caso da ocupación turca de Afrin neste mesmo ano; o rol dos EEUU e outras potencias imperialistas na zona e o seu oportunismo en relación ao movemento, nomeadamente no marco da guerra siria; ou o negativo papel dos partidos hexemónicos no kurdistán iraquí.