En marcha campaña galega pola integridade da Palestina

BDS Galiza, a Asociación Galaico Árabe Jenin e Mar de Lumes vimos de lanzar unha campaña denunciando o apartheid sionista sobre a Palestina e o obxectivo declarado por Israel de ocupar toda a Cisxordania amparado no chamado «Acordo do Século».

A primeira acción da campaña é o lanzamento do Manifesto galego pola integridade de Palestina, que xa leva máis de 40 adesións de colectivos, asociacións, partidos políticos e sindicatos do país. Neste manifesto, faise un chamado á solidariedade cos dous millóns de persoas que sofren en Gaza o bloqueo por parte de Israel, co conxunto do pobo palestiniano desprazado das súas casas en todos os Territorios Ocupados, e reclámase o fin de bloqueo e o recoñecemento de Xerusalén / al-Aqsa como capital da Palestina. Trátase, en definitiva, de advertir sobre a estratexia de substitución étnica que se acelera agora, coa benzón das potencias occidentais, e que se traduce en destrución de vivendas e infraestruturas palestinas, secuestro de activistas, roubo de terras e destrución de cultivos, bloqueo marítimo e construción de muros, entre outros.

Deste xeito, as organizacións asinantes opómonos ao chamado «Acordo do Século» e exiximos o fin dos asentamentos e colonatos israelitas en Cisxordania, ilegais á luz do dereito internacional. Ademais, condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do Estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina e denunciamos a complicidade do Estado español e do responsábel de Política exterior da Unión Europea con estes abusos.

O manifesto continúa aberto a novas adesións e pretende chamar a atención do pobo galego sobre unha realidade tan brutal e inxusta como fora do foco mediático, o que permite a impunidade sionista. 

Nas vindouras semanas, a campaña irá integrando novas accións, das que se irá dando conta cumpridamente.

Ver o manifesto

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista